A aldea morre, comesta polas ansias de cidade. Parece que non está de moda vivir na aldea, sentir a idiosincrasia ca terra. Quizais estamos nun mundo tan globalizado a estas alturas que xa non é posible a simbiose entre a cidade e a aldea.
Din as estatísticas que Galicia suma unha aldea despoboada cada semana, unha cifra orientativa e alarmante que fai que poidamos reflexionar sobre o bosquexo demográfico da nosa comunidade. As causas son diversas, por exemplo a natalidade baixa que fai que non haxa mozos novos e que a poboación estea envellecida.
Por outra banda está a tercialización. Parece que ninguén quere seguir co sector primario, nin con gandaría nin con agricultura e xa non digamos outras actividades como a artesanía, agora case desaparecida ou mesmo obsoleta.
A Costa da Morte tamén está perdendo habitantes segundo os datos que proporciona o IGE (Instituto Galego de Estatística). Tanto en Vimianzo como en Camariñas a poboación descende paulatinamente cada ano, sen cambios excesivamente bruscos pero cun descenso notable.
Así morre a aldea, sen descendentes que marchan para a cidade, deixando de crer na forza do local. A solución para este fenómeno que se vai estendendo por moitos concellos de Galicia debería estar nos mandatarios, eses que elaboran plans de Dinamización da Demografía coma o de 2013-2016 que quedan meramente en papel e en iniciativas pouco prácticas e ambiciosas.
A solución verdadeira pasa por pensar cales serían as medidas necesarias para incentivar que a xente aposte polo de aquí, por crear emprego e oportunidades de futuro, todo para evitar que a aldea morra. Non hai maior desidia que ver ducias de casas baleiras, comestas por silveiras nunha soidade total.


