Xoán Bascuas deixou a secretaría xeral de Compromiso por Galicia esta fin de semana, cedendo a testemuña a Juan Carlos Piñeiro Docampo, que ten o reto de seguir cicelando a grande rocha dun galeguismo cheo de historia pero sen un referente moderado con certa relevancia no país.
O traballo de Bascuas queda aí, cubrindo a etapa inicial dun proxecto. Dunha gamela que tivo unha singradura complexa, batendo con mareas bravas e duros golpes de mar.
Pero o esforzo do político da Baña foi impresionante. E tamén a súa lección. Seguramente podería ser mariñeiro dun barco en condicións, pero preferiu seguir sucando o mar coa súa gamela con dignidade de transatlántico.
Agora deixou o temón, pero fíxoo con humildade e normalidade, co ánimo de seguir comprometido no que acredita, coa camisa arremangada para seguir sendo un humilde canteiro desa Catedral de pedra por construír.
Coñecín e coñezo moitos políticos. E podo asegurar que Xoán Bascuas é un exemplo. Un home honesto, construtivo e traballador. Unha desas persoas tan necesarias en Galicia.