Din os expertos ou mesmo os tecnócratas máis asentados neste eido que nos encontramos ante unha revolución tecnolóxica. Quizais ese sexa o noso porvir, as xestións e os servizos empezan a facerse por vía telemática e, tal vez, o único que nos falta é implantar este modelo adaptado á empresa.
A actividade económica que nos xere beneficios necesita unha renovación posicionada cara os novos tempos, á venta online debería ser o primeiro paso. Todo isto debería ir ligado ao marketing, ese concepto afincado no descoñecemento que debería ser un dos principais activos para calquera empresa.
No rural a venta online estase empezando a ofrecer, dunha maneira disgregada, que serve para que o consumidor lle perda o medo a iso da «internet». Os innovadores que implanten este servizo optimizan o produto, chegando así a máis públicos e a novos mercados.E nin falemos doutras técnicas máis experimentais,tal é o caso do neuromarketing,esa ciencia neófita que busca producir reaccións primitivas a través de estímulos.
Esa música envolvente e tranquila, ese cheiro que nos recorda aos tempos da infancia ao entrar na tenda… nada é casualidade fortuíta, tan só unha forma sutil de incitarnos a comprar. Numerosos expertos xa desenvolven nos seus departamentos investigacións e estudos de mercado para «suxestionar».
Algúns destes estudos traen consigo métodos un tanto surrealistas. Por exemplo, as inmobiliarias preparan café para que o cliente potencial se sinta coma no seu fogar , xa que asociamos o café con esa sensación, (polo menos os amantes do café).Outras optan por perfumar a casa con mazás xa que disque isto contribúe a que percibamos as estancias dunha casa máis amplas.
Sexan suposicións ou pura ciencia este modelo de I+D+i é utilizado por grandes firmas, que se utilice en pequenas empresas é inusual. A moita ou pouca ética destes efectos placebos xa é unha cuestión de opinións e criterios.
Nun mundo globalizado e masivo coma o noso todo vale, a tecnoloxía, as tendas virtuais e os novos nichos de mercados están marcando unha nova era de investigación e estudos.
Como diría o escritor Anthony Robbins: «Neste mundo só nos quedan dúas opcións: ser persuasores ou persuadidos».