11.7 C
Santa Comba
jueves, abril 4, 2024

Compromiso por Galicia:Na procura dun espazo de seu

O vindeiro 17 de abril, Compromiso por Galicia, debaterá e decidirá na súa Convención Nacional o xeito de concorrencia aos vindeiros comicios galegos e por que non dicilo, a súa supervivencia como proxecto político diferenciado.

Ata o de agora e a grandes rasgos, conviviron no partido dúas sensibilidades ben diferenciadas, unha escorada claramente cara un espazo de esquerda e outra máis centrada que aposta por un proxecto que dende a socialdemocracia, achegue sectores situados nun centro político amplo á causa do galeguismo (social-liberais, social-cristiáns, etc), para partillar un espazo común que convirta a Compromiso por Galicia na grande morada dos galeguistas.

Na miña modesta opínión, coido que o futuro de Compromiso por Galicia, como forza política que pretende ser útil a este país, pasa por manter un perfil diferenciado con relación a outras opcións existentes en Galicia. Para iso é preciso traballar arreo para facer de Compromiso unha forza protagonista da política galega, que dende un espazo galeguista encardinado no centro progresista ou centro esquerda se se quere -segundo os inquéritos do CIS é o espazo maioritario da sociedade galega-, propoña políticas que sexan alternativa na súa concepción da sociedade e do país, ás practicadas pola dereita centralista e ás propostas da esquerda rupturista e independentista.

A plasmación de todo o anterior, precisa que creamos en nós mesmos e fagamos dun esforzo importante no terreo das ideas e na elaboración dun discurso propio e diferenciado, achegado ás demandas da sociedade, que faga fincapé no benestar dos galegos e galegas, na xustiza social, no crecemento económico sostible e no traballo polo ben común. Coido que se trata dunha tarefa inxente pero ao tempo ilusionante, que debe encetarse dende un espazo integrador e transversal que se ubique no centro político e non dende un proxecto como o representado pola Marea, onde CxG ficaría subsumido nun conxunto de forzas políticas, algunhas delas de obediencia estatal e ao que Compromiso non achegaría apoios significativos. En troques, Compromiso pode contribuír máis eficazmente ao espallamento do galeguismo, se decide presentarse aos vindeiros comicios cunha faciana propia.

Entendo, en definitiva, que debemos ser valentes e apostar decididamente por un proxecto que se presente á sociedade claramente inserido nun galeguismo aberto, progresista e europeísta, que aposte polo autogoberno e que faga fincapé na defensa dun espazo reformista, no que se apoie o emprendemento e se recoñeza explicitamente a iniciativa empresarial, no que se aposte por unha gobernanza baseada no rigor e no bo goberno do público así como a aplicación, dende as institucións públicas, de políticas que favorezan a igualdade de oportunidades e o mérito. Tamén, como galeguistas, temos a obriga de procurar solucións á problemática dos nosos sectores estratéxicos (agrogandeiro, pesca, naval, automoción, etc) e traballar a prol da xeración de emprego de calidade para as xentes deste país.

Na vindeira Convención Nacional, dende a democracia radical e o respecto mutuo entre todos e todas os que compartimos este proxecto, decidiremos soberanamente o vieiro a seguir e o modelo de partido que queremos: ou ben un partido dono se seu, que encha un espazo político orfo na Galicia de hoxe e que lle é propio a Compromiso, ou ben a práctica liquidación do partido como proxecto autónomo e a súa inclusión nunha coalición de esquerda radical, con anticapitalistas, independentistas ou forzas de obediencia estatal como EU ou Podemos. Eis o dilema.

Rosendo Gonzalo Covelo Roma é afiliado a Compromiso por Galicia dende a súa fundación e integrante da Executiva Local de Vigo. Licenciado en Ciencias Políticas e Diplomado en Relacións Laborais.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos