12.2 C
Santa Comba
jueves, julio 18, 2024

Partida de tafures

Ben sei que a expresión tafur non é moi empregada no galego de a cotío. Nós somos máis de falar de trampóns ou de trampulleiros. Pero a reflexión que eu quero deitar entre estas palabras é que o acontecido nos cinco primeiros días do mes de marzo no Congreso dos Deputados é cousa da tafuraría ou, como se pode ler no dicionario da RAG, de «xogadores que adoitan facer trampas para gañar».

Cada quen, coas cartas que lles repartiu o electorado o pasado 20 de decembro, avaliou e fixo a súa aposta, nunha partida que aínda non rematou, e que ameaza con continuar até finais do mes de abril.

Nesta particular partida, había un xogador con cartos e unha boa man, pero que non soubo xogala; outro que respondía ao clásico papel de xogador agresivo e farfallán, pero que foi devorado pola fame de quen se quere comer o mundo; e outros dous que pretendían amañar a partida entre eles, aínda que as cartas non lles daba para moito.

Rajoy non tiña malas cartas, e mesmo era o que máis tiña posto en riba da mesa. Porén, «pasou» cando lle tocaba apostar. Pretendeu facer ver que non tiña xogo e así poder avaliar as opcións dos seus opoñentes e tamén desgastalos, pensándose a si propio como imprenscindible. O caso é que xogou a ser o Eddie Felson (o papel de Paul Newman na mítica película de Scorsese, O Buscavidas) da política española, pero rematou por facer o espantallo de verdade, cando pretendía simplemente simular que era un espantallo. A súa esperanza está en xestionar o fracaso do tándem Sánchez Rivera, sen percatarse de que, se antes non tiña con quen falar, agora tampouco.

Cando tiven coñecemento do documento programático asinado entre o PSOE e Ciudadanos (en adiante, C`SOE), pensei que aqueles 66 folios non eran máis que as estampiñas do timo, ou unha sorte de Macguffin, como os que empregaba Hitchcok nas súas películas. E a verdade é que sen ser completamente certo, aproximeime bastante, xa que o acordo estaba feito para que o PP non atopase unha xustificación programática para negarse e para que Podemos se vira obrigado a negarse mesmo querendo pactar.

E por último, Pablo Iglesias xogou coa arrogancia de quen se sabía coa partida gañada, gañándose así o rancor dos outros membros da mesa. Estaba tan crecido que semellaba que era ao mesmo tempo a banca, o gañador e o admirado público. E polo que din as últimas enquisas, semella que vai ter que darse un baño de humildade se quere recuperar opcións para pintar algo na partida.

Entre mentres, a representación claramente catalá e vasca xogan ao seu xogo, pero ao seu propio, mesmo nalgúns caso preguntándose que é o que pinta o seu país naquela partida. E Galicia, como moito, é como eses espectadores que son chamados a dar tabaco. Lamentablemente.

Con todo, aínda quedan unhas cantas mans por xogarse, pero todo apunta a que probablemente o electorado teña que repartir cartas de novo. E todo, para non mudar de tafures. Mesmo pode darse o caso de que ao mellor chegamos ao mes de xuño véndonos na circunstancia de ter que xogar ao mus e ao tute simultaneamente.

Xoán Bascuas.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,270SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos