10.1 C
Santa Comba
viernes, marzo 22, 2024

Carta de Breogán Riobóo ós inscritos de Podemos Galicia

Prezada compañeira, prezado compañeiro,

O pasado 14 de febreiro de 2015, a xente inscrita en Podemos Galicia escolliches co voso voto que fose o secretario xeral galego, quixestes que vos representase e asumín a responsabilidade que me encomendastes como secretario xeral de Podemos Galicia para o período estipulado de 3 anos. Un tempo que, nas últimas semanas, pretende ser interrompido con manobras argalladasá marxe dos estatutos e principios da organización, dirixidas a que en Galicia perdamos a nosa capacidade de decisión.

Este primeiro ano con estrutura orgánica non foi doado para unha organización totalmente nova e que conxuntamente temos que construír día a día, para que non se distancie dos alicerces quenos fixeron erguer, participar, empoderarnos… tivéramos máis ou menos experiencia política, viñéramos doutras organizacións, do activismo das rúas ou das inquedanzas das nosas casas.

A capacidade de participar e de decidir colectivamente levounos a aprobar uns documentos na Asemblea fundacional de Vista Alegre, que hoxe en día non están sendo respectados como deberían. Sen dúbida, cometemos erros polo camiño, recoñecelos, rectificar, e sobre todo aprendermos deles para mellorar e ser máis fortes, para enfrontar os novos desafíos e oportunidades que nos abren é algo do que estar orgullosas.

Nas últimas semanas, un grupo de persoas encabezadas polos tres cargos públicos que a día de hoxe ten esta organización (deputadas e senador de En Marea), tomaron unha serie de decisión e realizaron actuacións de parte, nefastas para Podemos Galicia, porque disipan e truncan de forma abrupta a lexitimidade da xente que integra a organización, para decidir dende Galicia sobre os nosos proxectos e os nosos procesos, que están á volta da esquina. Semella que a xente que formamos Podemos Galicia non podemos falar do proceso que nos levou a participar de En Marea nas eleccións xerais.

Evidénciase que nos queren prohibir e roubar a liberdade de poder debater e decidir entre todas cal queremos que sexa o camiño da nosa organización agora e no futuro. Dá a sensación de que todo está xa sentenciado, non se sabe moi ben porque, nin onde, pero todo o que sexa dialogar, deliberar, propoñer con respecto e dignidade para conxuntamente decidir sobre o que nos atinxe, amósase censurado e reprobado, ultimamente.

Se viñemos formar parte desta organización é precisamente porque a recoñecemos como ferramenta ao servizo da cidadanía, para decidir digna e libremente que itinerario queremos para a nosa organización en cada momento. Non podemos permitir que se converta nunha estrutura vertical na que unha nova elite decida por nós.

A todo isto súmanse as constantes presións que se foron sucedendo nas últimas semanas: retiráronme a capacidade de comunicarme cos cargos orgánicos municipais; pecháronme a conta do correo da Secretaría Xeral; retiráronme a capacidade de poder comunicarme con todas e todos vós, persoas inscritas e que conformades esta organización e que me escollestes no seu día para desempeñar estas funcións.

Sen abondar noutro tipo de presións…

Ante esta situación, e estando lexitimado como secretario xeral galego polos documentos que conxuntamente aprobamos milleiros e milleiros de persoas na Asemblea de Vista Alegre e tamén polos ditames da Comisión de Garantías Estatal segundo os que sigo a ser secretario xeral galego, considérome acreditado para dar un paso adiante na defensa dos valores éticos e dos principios desta organización, PARTICIPACIÓN, TRANSPARENCIA, DEMOCRACIA, cuestións que nos últimos tempos están quedando de lado ou esquecidas.

Por estes motivos, quero anunciarvos que un grupo de xente de todo o país, entre os que me atopo, imos lanzar un proceso participativo, edificante, que transcenda nunha candidatura ampla, que sexa representativa da esencia do que é PODEMOS e dos fundamentos que aspiramos a que nos identifiquen.

Temos que ser quen de inocular á organización os anticorpos necesarios para evitar que se converta nunha máis de tantas outras que están na escena política, e isto pasa porque esa candidatura teña algunhas cuestións presentes:

– 1 persoa 1 cargo. Cremos que esta organización ten que dar exemplo sendo distinta e garantindo a dedicación exclusiva.

– Cargo orgánico ou cargo público. A única forma de garantir o control e a fiscalización dos cargos públicos por parte da organización é diferenciar as súas funcións, de tal xeito que aquelas persoas que sexan cargo orgánico non participen dos procesos de primarias para seren cargos públicos, ou que, de participar, renuncien ao seu cargo orgánico.

– Acadar fins éticos a través de medios éticos. Non se pode falar de participación sen dala dende o comezo, por iso, é necesario que todo proxecto que poña por diante a participación en Podemos, o faga dende a participación constante para a propia configuración dos equipos.

– Unha organización non monopolizada nin custodiada a nivel estatal, para isto é imprescindible o acceso aos censos a nivel galego e a nivel municipal por parte dos órganos correspondentes, como garantía de democracia e transparencia nos procesos internos e como ferramenta para vertebrar a organización a nivel municipal, comarcal e galego.

– Unha organización descentralizada na toma de decisións. Somos parte dun Estado plurinacional e como tal queremos que sexa aquí, en Galicia, onde teñamos o dereito a decidir aquelas cuestións que nos incumben, sen tutelas e sen paternalismos. Poñendo por diante que Galicia é o primeiro e, polo tanto, ninguén mellor que as galegas e os galegos que conformamos Podemos Galicia para tomar as decisións sobre o noso papel na sociedade, no país e no Estado.

– Unha organización con implantación municipal e comarcal, porque é unha das características que temos, porque somos de pobos e comarcas e queremos ser coherentes e consecuentes coa nosa idiosincrasia. Potenciar e impulsar círculos de ámbito municipal e comarcal é indispensable para construír unha organización achegada á realidade social galega.

Anímote a espallar esta carta a todos os teus círculos familiares, profesionais, de amizades… e a participar deste proxecto que se lanzará ao longo dos próximos días.

Unha aperta,

Breogán Riobóo Lois

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!
spot_img
spot_img
spot_img

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,220SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos