Alfonso Rueda anuncia unha liña de 3,6 millóns para o sector primario

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego lanzará unha orde de axudas de máis de 3,6 millóns de euros para agricultores e gandeiros galegos, co fin de facer fronte ao aumento dos custos de produción, en particular do gasóleo agrícola e dos fertilizantes.

Segundo indicou, a contía procede dunha achega de 1,6 millóns da Comisión Europea, á que a Xunta sumará outros 2 millóns. Rueda fixo o anuncio durante unha visita á Granxa Doroña SAT, en Arzúa, provedora da planta de Nestlé en Pontecesures, acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez e polo director de Nestlé España, Jordi Llach.

«Cando hai momentos de dificultade, hai que corresponder co esforzo da xente que o fai ben, como é o caso do noso sector primario, polo tanto creo que é o momento de axudar», afirmou.

O presidente explicou que as axudas se dirixirán a agricultores dados de alta na Seguridade Social como autónomos na actividade agraria e que obteñan dela, polo menos, o 25% dos seus ingresos. A liña contemplará unha achega directa por hectárea de superficie agraria útil e terá tramitación simplificada. Segundo dixo, «abonaranse antes de que remate o ano» para dar liquidez aos profesionais do campo.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xunto coa conselleira do Medio Rural, María José Gómez, visita a granxa Doroña SAT-Nestlé. Granxa Doroña (Arzúa), 30/09/26.

Garantir a estabilidade das explotacións

Rueda sostivo que garantir a estabilidade e a rendibilidade das explotacións é necesario para asegurar o relevo xeracional no rural.

O titular da Xunta sinalou que Galicia concentra máis da metade das explotacións lácteas de España, produce o 42% do leite do conxunto do Estado e figura entre as dez rexións principais de Europa neste ámbito. Tamén destacou as alianzas entre produtores, distribución e industria agroalimentaria, como a de Nestlé con granxas locais para avanzar cara a un modelo máis sostible.

Segundo afirmou, esta cooperación permite que máis do 75% do leite producido en Galicia se transforme na propia comunidade. «Xa sabemos que temos a mellor materia prima, o leite galego é Galicia Calidade, pero se somos capaces de transformalo e de darlle máis valor, iso supón máis rendibilidade, máis vida, máis aposta e máis futuro», asegurou.

A xornada contou cunha mesa redonda, na que participou a xalleira María Ramos e onde falou de medidas impulsadas nas granxas para minimizar os gases de efecto invernadoiro, agricultura rexenerativa e benestar animal.

FOTO PORTADA- O Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, coa gandeira de Santa Comba, María Ramos, de SAT Os Agros, que participou no acto de Nestlé.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!



Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,280SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos