Noelia Rodríguez: «Os gandeiros denuncian as prácticas contrarias a normativa por medo a represalias das industrias»
A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, advertiu de que o prezo do gasóleo agrícola se duplicou nos últimos nove meses, ao pasar de 0,72 euros o litro o pasado 30 de decembro a preto de 1,62 euros na actualidade, coincidindo coa campaña do millo. Segundo explicou, encher o depósito dun tractor custa arredor de 400 euros ao día, un gasto que se repite cada dous días en circunstancias normais e con maior frecuencia durante o ensilado.
Esperando as medidas do Goberno español
Rodríguez indicou que esta semana houbo reunións co Ministerio de Agricultura, sen resultados concretos, e que o vindeiro martes se agardan novas medidas. «Normalmente as medidas non resolven o problema, son habitualmente parches momentáneos», afirmou a presidenta de Agromuralla, quen non descartou mobilizacións se a resposta do Goberno non resulta satisfactoria.
Revisión dos contratos lácteos
No apartado lácteo, Agromuralla reclama a revisión dos contratos vixentes ao abeiro da normativa que obriga ás industrias a actualizar prezos cando os custos de produción suben de forma sostida durante máis de tres meses.
A presidenta lamentou que, fronte a baixadas de oito céntimos por litro dende abril, algunhas industrias só ofrezan subas de dous ou tres céntimos a partir de outubro.
Propuxo que as denuncias ante a AICA por incumprimento de prazos nas ofertas ás granxas poidan presentarse de forma anónima, ante o temor dos gandeiros a represalias comerciais.
Produtos dubidosos e drons
A entrevistada tamén alertou sobre os efectos dos acordos comerciais da Unión Europea con terceiros países, coma Mercosur, por competir con produtos que, segundo dixo, non cumpren os mesmos estándares sanitarios, citando como exemplo a restrición aplicada a carne procedente de Brasil tras detectarse contaminación.
Por último, denunciou a «incongruencia» de que se ofrezan cursos de manexo de drons agrícolas mentres a autorización para aplicar produtos fitosanitarios por vía aérea segue pendente, a expensas dunha modificación da normativa europea que podería demorar ata tres anos.



