Un colectivo de veciños das parroquias de As Maroñas (Mazaricos), Barbeira e A Pereira (Santa Comba), no concello de Mazaricos, denuncia falta de información sobre o proxecto dunha planta de codixestión anaerobia de residuos agroindustriais para a produción de biometano previsto na zona.
Lorena García e Francisco Iglesias, voceiros do colectivo, explicaron en Radio Xallas a súa postura con respecto a este proxecto, despois de que a Xunta de Galicia emitira un informe de impacto ambiental con resolución favorable.
Entrevista en Radio Xallas
Falta de información e posible contaminación
Para Lorena García «hai unha falta total de información, tanto por parte do concello de Mazaricos como por parte da empresa» e engadiu que na reunión mantida cos promotores «non nos souberon dicir nada, nada de nada porque beneficio non trae ningún. Para min trae contaminación, moita contaminación, e nada máis».
Os veciños afirman que a instalación está situada preto de regos que verten no río das Maroñas, afluente do Xallas, e a uns 120 metros do Camiño de Santiago.
Francisco Iglesias dixo que «esta planta da residuos» lonxe de ser positiva «non soluciona nada, e contamina máis o que sae desa planta que o que entra».

Mobilización social e vía contenciosa
Estes veciños tamén denunciaron que a capacidade de tratamento previsible, fixada en 56.450 toneladas anuais podería ampliarse no futuro. Citando exemplos doutras zonas con plantas similares, os voceiros advertiron do risco de «case un 50% de despoboamento» en núcleos veciños a instalacións deste tipo.
Respecto á posición do Concello, García afirmou que «o Concello de Mazaricos non está do lado dos veciños, está do lado da planta», tras unha reunión na que, segundo relatou, o alcalde indicou que asinaría a licenza se o proxecto cumpre a normativa.
Os voceiros dos afectados non descartaron accións de protesta nin a vía contenciosa. De feito Francisco Iglesias considera que «o único que nos queda é o contencioso» se ben estima que é necesaria «a contestación social». Algo no que coincidiu Lorena García, que tamén fixo un chamamento á unidade veciñal.


