O concello de Mazaricos acollerá os días 5 e 6 de setembro, en Santiago de Arcos, o IV Encontro Burla Verde, unha cita que reúne colectivos, plataformas e asociacións de diferentes puntos de Galicia en defensa do rural fronte á presión da eólica, a minería, as plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais, os encoros e as centrais reversibles. O encontro xa se celebrou anteriormente en Sabucedo, O Courel e Vilanova dos Infantes.
A organización pón como exemplo o concello de Mazaricos, que «conta xa con máis de 120 aeroxeradores», entre eles os dos polígonos eólicos A Ruña II e Pedregal Tremuzo, aos que se suman novos proxectos como o Polígono Eólico Alvite II, o Polígono Eólico A Ruña III, e os proxectos das balsas reversibles da Ruña e as plantas de dixestión anaeróbica de residuos agroindustriais das Maroñas e de Fornís. A «presión enerxética» esténdese tamén a concellos veciños, con polígonos eólicos en Negreira, Santa Comba, Vimianzo, Dumbría e Cee, así como coas centrais hidroeléctricas e os encoros do río Xallas.
Neste sentido aclaran:»aínda que o encontro se celebre en Mazaricos, non estamos diante dunha información exclusivamente local. O que se vai poñer enriba da mesa afecta a territorios de toda Galicia e forma parte dun debate de país sobre o modelo enerxético e industrial, o futuro do rural e quen participa nas decisións que condicionan ese futuro».
O programa das xornadas de Burla Verde
O sábado 5 de setembro, o programa arrincará ás 10.00 horas cun obradoiro xurídico sobre como «defender a terra, desde a alegación ata a xustiza gratuíta e o TSXG», no que interveñen letrad@s do turno de oficio e Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde. Ás 10.45 horas terá lugar un espazo ecoloxista de encontro de voces na defensa da terra, con Ulloa Viva, Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, Carme Varela e Tonio Nogueira.

Conferencia de Vidal Romaní
Ás 12.00 horas, Juan Ramón Vidal Romaní ofrecerá unha conferencia sobre os riscos das balsas reversibles. Ás 13.00 horas haberá unha sesión vermú con Outro e Federico Pérez e un grupo de música folk, seguida ás 14.00 horas dun xantar de vagar con polbeira. Ás 16.00 horas terá lugar a sobremesa con regueifa e ás 18.00 horas o Foro do Territorio, no que colectivos, plataformas e asociacións tomarán a palabra.
Á mesma hora comezará unha andaina desde Santiago de Arcos ata A Ruña, acompañada por A Gentalha do Pichel. A xornada continuará ás 22.00 horas coa proxección audiovisual «Os vídeos da Ruña», de Roberto Vilela e Paco Perú, e ás 22.30 horas cos concertos de Yas de Luaces, Zeltia Irevire e Baralhete Sound System. Durante todo o sábado haberá feira de produtos tradicionais e artesanía.
«Xentes da Ruña: vivir e resistir no territorio»
O domingo 6 de setembro abrirá ás 10.30 horas cunha mesa redonda con café baixo o título «Xentes da Ruña: vivir e resistir no territorio», con Simadarca, Boca de Sapo, Vendaval e Salvemos A Ruña. Ás 11.30 horas presentarase o libro «Un Monte Todos os Montes», con María Bella, de Azul Máis Verde Coop.
Ás 12.00 horas terá lugar un encontro de escritores sobre literatura e territorio, con María Bella, Maricarmen Rey, Carme Varela e Concha L. Llamas. Ás 13.00 horas o grupo Troula representará a obra de teatro «Grazas, aquí estou ben», e ás 14.00 horas terá lugar a clausura coas pandereteiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos. A xornada rematará ás 15.00 horas cun xantar de vagar con polbeira. Pola mañá do domingo haberá tamén feira do libro e sinatura de libros.
Para os colectivos convocantes, «non queremos seguir falando de centos de conflitos independentes. Queremos falar dun rural que comparte problemas, experiencias e tamén ferramentas para defenderse». O encontro poderá seguirse en directo a través de Radio Burla Verde.



