A Consellería do Medio Rural recomenda aos profesionais da agricultura e da gandaría intensificar a vixilancia das parcelas de millo ante o incremento das postas e da presenza de larvas das principais eirugas defoliadoras, despois de que a rede de trampeo da Xunta confirmase unha elevada actividade da especie Spodoptera exigua, coñecida como verme soldado.
Capturas en Mazaricos, A Baña e Santa Comba
Os datos da última revisión sitúan algúns dos rexistros máis elevados da provincia da Coruña en concellos da comarca. En Mazaricos contabilizáronse capturas de 800 e 50 adultos por trampa, mentres que na A Baña se rexistraron 500 adultos, en Santa Comba 280 e 90 e en Zas 90, cifras que, segundo Medio Rural, evidencian unha intensa actividade da praga nestas zonas.
A Consellería lembra que a detección temperá de masas de ovos e de larvas nos primeiros estadios é o momento máis eficaz para aplicar medidas de control.

Tratamentos fitosanitarios
No caso de ser necesario un tratamento fitosanitario, recomenda utilizar unicamente produtos autorizados para este cultivo e esta praga, consultando previamente o Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura.
Ademais, a Xunta aconsella alternar materias activas con diferentes modos de acción para reducir o risco de resistencias e respectar as doses, os prazos de seguridade e as condicións de uso establecidas.
Na actualidade, as materias activas autorizadas para o control deste especie no millo son as seguintes: Clorantraniliprol; Clorantraniliprol + lambda cihalotrin; Cipermetrin; Deltametrin; Lambda cihalotrin; Spinosad e Teflutrin.
A rede galega de seguimento, integrada por 159 trampas de feromonas distribuídas polas principais comarcas produtoras de millo, continuará activa nas próximas semanas para avaliar a evolución da praga e emitir novos avisos fitosanitarios se fose preciso.


