Alertan dunha campaña crítica para a apicultura galega

O presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José María Seijo, advertiu de que o sector afronta unha campaña especialmente complicada pola coincidencia dunha meteoroloxía desfavorable e o forte incremento da presión da vespa velutina sobre as colmeas.

Nunha entrevista en Radio Xallas, explicou que esta situación está a reducir a produción de mel, aumenta os custos das explotacións e compromete a continuidade de numerosos apicultores.

Climatoloxía adversa para as abellas

Seijo explicou que as condicións meteorolóxicas rexistradas durante os últimos meses impediron un desenvolvemento normal das colonias. Un inverno prolongado, con choivas persistentes, seguido de novos episodios de precipitacións e dunha vaga de calor intensa, reduciu a floración e limitou a capacidade das abellas para recoller alimento. Neste contexto, afirmou que «este ano, climatolóxicamente, para as abellas foi desastroso».

Expansión da Vespa Velutina

Ao impacto do clima súmase, segundo indicou, un factor máis crítico, a expansión da vespa velutina, que mantén unha presión constante sobre os colmeares.

O presidente da Agrupación Apícola asegurou que «desde que entrou a vespa asiática, estános destrozando os colmeares» e explicou que a presenza deste insecto impide ás abellas saír con normalidade para buscar néctar e pole, debilitando progresivamente as colonias.

Durante a entrevista reclamou unha resposta máis decidida das administracións e da comunidade científica para combater esta especie invasora. Aínda que valorou os sistemas actuais de trampeo e eliminación de niños, considerou que resultan insuficientes e asegurou que «a solución teñen que buscala os laboratorios», mediante métodos que permitan reducir de forma efectiva a reprodución da vespa velutina.

A importante función das abellas

José María Seijo incidiu tamén nas consecuencias que esta situación pode ter máis alá do propio sector apícola. Lembrou que «as abellas teñen unha función na natureza moi importante, que é a polinización» e advertiu de que «80% depende das abellas», en referencia á produción de froitas, hortalizas e outros cultivos agrícolas. Na súa opinión, a diminución das poboacións de abellas suporía un problema para o conxunto da cadea alimentaria.

O presidente da Agrupación Apícola de Galicia sinalou ademais que a escasa colleita provocará dificultades para atender a demanda do mercado, xa que numerosos produtores non disporán de mel suficiente para abastecer os seus clientes habituais.

A pesar deste escenario, puxo en valor o prestixio da produción galega e lembrou os recoñecementos obtidos ao longo dos anos en diferentes certames, destacando que «todas as meles de aquí… son das mellores».

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!



Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,280SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos