Óscar Pose reclama unha PAC máis útil para os produtores e medidas para reforzar o sector lácteo galego

O dirixente de Unións Agrarias, Óscar Pose, defendeu durante unha entrevista en Radio Xallas a necesidade de reducir a carga burocrática que soportan as explotacións agrarias, reformular a Política Agraria Común (PAC) para que beneficie aos produtores en activo e adoptar medidas que melloren a posición do sector lácteo galego fronte á industria.

Pose asegurou que a tramitación da PAC continúa sendo un proceso excesivamente complexo e criticou o incremento das obrigas administrativas. Segundo afirmou, «cada vez complícase máis», ao referirse á evolución da burocracia ligada ás axudas europeas. Tamén advertiu de que as novas notificacións derivadas do sistema de monitorización por fotografías aéreas están xerando máis traballo tanto para os profesionais como para os agricultores.

Na súa opinión, a futura reforma da PAC debe centrarse en garantir que os fondos cheguen ás explotacións que realmente producen. Neste sentido, indicou que «ten que recibir a PAC quen realmente produce, quen traballe o terreo, quen coide o rural», reclamando unha adaptación das medidas á realidade das explotacións galegas.

O representante agrario tamén abordou a situación do cultivo do millo tras os danos provocados polo verme soldado. Explicou que as condicións meteorolóxicas agravaron o impacto da praga e insistiu na necesidade de facilitar ferramentas para responder con maior rapidez, como a autorización do uso de drons en determinados tratamentos fitosanitarios.

Outro dos asuntos centrais da entrevista foi a prevención dos incendios forestais. Pose vinculou directamente o abandono do rural coa propagación do lume e asegurou que «onde hai produtores que traballen o terreo é onde realmente se actúa de barreira de incendios». Defendeu que, ademais dos medios de extinción, é preciso incrementar os investimentos destinados a manter actividade agrícola e gandeira no territorio.

Contratos lácteos

En relación co sector lácteo, explicou que Unións Agrarias impulsou a creación dunha comisión de estudo no Parlamento de Galicia para propoñer medidas que permitan mellorar o poder negociador dos produtores fronte ás industrias. O obxectivo, segundo indicou, é acadar acordos efectivos e non repetir diagnósticos xa coñecidos.

Pose lamentou que Galicia continúe rexistrando prezos do leite inferiores aos doutras comunidades autónomas, malia concentrar boa parte da produción española. Tamén advertiu de que as industrias seguen marcando as condicións dos contratos e reclamou unha maior implicación das administracións para garantir negociacións equilibradas.

Finalmente, destacou o elevado nivel de profesionalización das explotacións galegas e mostrouse optimista sobre o futuro do sector sempre que se avance na redución da burocracia, na estabilidade dos prezos e no reforzo da competitividade das explotacións.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos