María Ramos (SAT Os Agros) e Iván García (Gandería O Rubio) serán os pregoeiros das Festas de San Pedro de Santa Comba. Dous exemplos de amor polo sector lácteo e polo seu concello.
María Ramos e Iván García participaron nunha entrevista en Radio Xallas na que abordaron tanto o significado deste recoñecemento como a situación actual do sector gandeiro e o relevo xeracional no rural.
Entrevista en Radio Xallas
A responsabilidade de representar a todo un sector
Os dous coincidiron en sinalar que falar diante dos seus veciños lles impón máis respecto que participar en entrevistas ou intervencións públicas. “Isto é unha responsabilidade maior”, destacou García. “Unha cousa é falar só sobre ti e outra cousa é subir aí representando a todo un sector”, engadiu María Ramos.
Unha imaxe renovada da gandería
Durante a entrevista, ambos defenderon a evolución da imaxe da gandería nos últimos anos. García considerou que foi desaparecendo progresivamente a visión do sector como unha actividade sen futuro. “Creo que esa imaxe que se tiña do sector primario, antes da gandería como algo atrasado, vaise superando pouco a pouco. É un sector súper válido e non temos nada que envexar a outros traballos.”
Ramos tamén observou cambios na percepción social e no interese das novas xeracións. “Cada vez a xente está a darse conta de que o campo pode ser unha opción totalmente válida”, afirmou ao referirse á incorporación de mozos ás explotacións.
A responsable de SAT Os Agros lembrou os seus inicios: “Daquela eu era practicamente a única rapaza nova á fronte dunha granxa. E agora, grazas a Deus, hai moita máis mocidade nas granxas.”

Mocidade, tecnoloxía e divulgación
Os dous entrevistados destacaron ademais a importancia de divulgar o traballo desenvolvido nas granxas e de achegar a realidade do sector á sociedade. Segundo explicaron, moitas persoas descoñecen tanto os procesos de produción como o nivel tecnolóxico presente nas explotacións actuais. “A xente queda alucinada co nivel de tecnoloxía que hai nas granxas”, afirmou en Radio Xallas o gandeiro de Vilamaior.
No transcurso da conversa tamén puxeron en valor a función ambiental e social da actividade agraria. Ramos subliñou o papel da gandería no mantemento do territorio e na prevención do abandono das terras, mentres García incidiu na necesidade de que o sector conte con voces que expliquen o seu labor á cidadanía.

Unha visión optimista do futuro do sector
Sobre o presente e o futuro do sector lácteo en Galicia defenderon unha postura positiva: “Non podemos estar seguidamente queixándonos porque, se non, cando realmente veñan malas cousas non nos van facer caso”, manifestou María Ramos.
Unha idea na que coincide Iván García: “Haberá que queixarse cando sexa o momento, pero non sempre, porque ao final é o conto de Pedro e o lobo.”

