O Busto celebra este sábado 13 de xuño a X Festa do Rural cunha xuntanza cabalar, concentración de cans de caza, probas de velocidade de bertolinas e diferentes actividades.
Dez edicións da Festa do Rural no Busto (Santa Sabiña). O que comezou como unha pequena reunión veciñal converteuse nun evento que supera as propias expectativas da comisión organizadora. “Ano tras ano crecemos moito. Estamos xa chegando a un nivel que a nós mesmos nos sorprende”, aseguraba Laura Rodríguez en Radio Xallas.
Entrevista a Laura Rodríguez
De feito hai unhas 300 persoas que participarán no Xantar Popular, máis de douscentos cans de caza na exhibición e moitas máis persoas que se achegarán a algunha das citas deste evento.
Nesta ocasión hai unha nova localización cunha carpa de 90 metros. O espírito da festa segue estando na implicación veciñal que colabora con ilusión como confirma desde a organización a propia Laura Rodríguez.
Programa da X Festa do Rural do Busto
O programa arrancará ás 11.00 horas coa saída da Ruta Cabalar, dun percorrido de dez quilómetros. Ás 12.00 horas celebrarase o Desfile de Bertolinas. Posteriormente, ás 14.30 horas, terá lugar o xantar popular, servido pola Pulpeira de Melide.
A partir das 16.30 horas retomaranse as actividades da tarde, con xogos populares, xuntanza cabalar, velocidade de bertolinas e a exhibición de caza, que incluirá categorías de caza maior, menor, pruma, rastro e xaurías, ademais do premio especial ao “Mellor can da feira”. Sen dúbida, a proba de velocidade de bertolinas é un dos grandes atractivos desta Festa do Rural. A animación musical correrá por conta dun habitual neste e noutros eventos, DJ Chicho e a Discoteca Móbil CDC.

