A Asociación Pura Raza Cabalo Galego pon en valor a tradición cabalar galega

O cabalo de Pura Raza Galega continúa consolidándose como un dos símbolos máis representativos do patrimonio etnográfico e gandeiro do país. Tras máis de dúas décadas de traballo arredor da conservación e promoción desta raza autóctona, o presidente desta asociación, Xacobo Pérez Paz, reivindica o valor histórico, cultural e funcional dun animal que acompañou durante séculos a vida no rural galego.

Segundo explica, a iniciativa de impulsar oficialmente a raza naceu tras visitar importantes feiras internacionais de cabalos en Europa. “Eu vía uns cabalos moi similares aos nosos, que había nos montes e nos curros de Galicia, e que noutros países estaban prestixiados como razas propias”, sinala. A partir desa reflexión, un grupo de gandeiros iniciou os trámites para lograr o recoñecemento oficial da raza e a creación do correspondente libro xenealóxico.

Tronco celta atlántico europeo

Pérez define o cabalo galego como “un pequeno cabalo hipométrico e subconcavilíneo de tronco celta atlántico europeo”, adaptado historicamente ás condicións orográficas e climáticas do territorio galego. Lembra tamén que existen referencias documentais xa na época romana sobre estes animais, coñecidos pola súa resistencia e capacidade de movemento en terreos difíciles.

“O cabalo quitou moito traballo ao longo dos séculos”, afirma. Segundo relata, estes animais desempeñaron funcións fundamentais no transporte, nos labores agrícolas e mesmo na comunicación entre aldeas. “Antes de comezar a xantar servíaselle primeiro á besta; se a besta non estaba atendida, non se sentaban os comensais á mesa”, lembra.

A asociación celebra este ano os 25 anos da Copa Galicia de Pura Raza Galega, un percorrido que o presidente define como “un camiño sen frechas amarelas”, no que foi necesario abrir novas vías de promoción e conservación da raza. Durante este tempo organizáronse competicións morfolóxicas, exhibicións de doma e actividades de difusión en diferentes puntos de Galicia.

Ademais, destaca a colaboración con institucións internacionais e universidades europeas. “Posicionamos a nivel internacional unha raza que vén dos tempos romanos”, asegura. Entre as iniciativas impulsadas figura tamén a creación da credencial equina para os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago a cabalo.

Xacobo Pérez insiste en que o cabalo galego representa “unha identidade propia etnográfica, cultural e gandeira de Galicia” e considera esencial seguir apostando pola súa conservación. “Hai milleiros de quilómetros percorridos, moitísimo traballo e moita ilusión detrás de todo isto”, conclúe.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,260SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos