O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas e a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños manifestaron o seu rexeitamento ao anuncio da Xunta sobre a convocatoria dun concurso para novas concesións de explotación de minerais críticos nas provincias da Coruña e Pontevedra, entre elas nas áreas de Corcoesto, San Finx e Varilongo-Santa Comba.
Nun comunicado, o Sindicato Labrego Galego considerou que os chamados “plans sociais” anunciados pola Consellería de Economía e Industria son “unha cortina de fume” para impulsar proxectos que cualifica de “destrutivos” para o rural galego. A organización agraria sostén que a megaminería, tanto a ceo aberto como subterránea, provoca impactos “irreversíbeis” sobre o territorio, a auga e a biodiversidade, ademais de poñer en risco empregos vinculados ao sector agrogandeiro.
O sindicato cuestionou tamén o concepto de “minería sostíbel” defendido pola Xunta e advertiu de que a actividade extractiva implica “a xeración de residuos tóxicos”, contaminación de acuíferos e alteración permanente da paisaxe. “Non imos permitir que destrúan o noso territorio, a nosa auga, os nosos solos e os nosos postos de traballo no agro”, asegurou.
«Unha temeridade e irresponsabilidade»
Pola súa banda, a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños mostrou a súa “preocupación” ante a posible recuperación do proxecto mineiro de extracción de ouro en Corcoesto. O colectivo lembrou que o proxecto contemplaba o uso diario de 1,5 toneladas de cianuro e alertou da liberación de arsénico e do elevado consumo de auga asociado á actividade mineira.
A plataforma considerou “unha temeridade e irresponsabilidade” a licitación de máis de cen concesións mineiras e advertiu de que estes proxectos serían incompatíbeis con actividades económicas da comarca como a agricultura, a gandaría, o marisqueo ou o turismo rural.
Os colectivos lembraron ademais a contestación social que xa provocaron proxectos como os de Corcoesto, Touro ou San Finx e avanzaron que continuarán coas mobilizacións e accións xudiciais para frear novas explotacións mineiras en Galicia.
