O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, cargou en Radio Xallas contra os últimos contratos asinados no sector lácteo e avanzou que a organización traballa para que sexan declarados ilegais, ao considerar que non naceron dunha negociación real, senón dunha “imposición unilateral baixo a ameaza de non recoller o leite”.
“Dánse todos os ingredientes para poder dicir que estamos ante un novo cártel do leite, ante unha situación ilegal, e imos loitar para que eses contratos se declaren nulos”, declarou no programa “Na Encrucillada”.
Entrevista en Radio Xallas
Impugnación dos contratos ilegais e unha comisión de investigación
García explicou que o sindicato mantén abertas tres liñas de actuación. A primeira, impugnar os contratos actuais. A segunda, promover un sistema de formación de prezos baseado en criterios obxectivos, como a evolución do mercado e dos custos de produción. E a terceira, impulsar unha comisión de investigación no Parlamento de Galicia para introducir cambios lexislativos que limiten actuacións unilaterais da industria.
O responsable agrario criticou especialmente a recente baixada aplicada aos produtores galegos, que cualificou de “inxusta, arbitraria e sen cobertura legal”. Segundo indicou, Galicia xa partía de prezos inferiores aos doutras comunidades autónomas, mentres noutras zonas apenas houbo reducións.
Roberto García advertiu, ademais, de que moitas explotacións afrontan serias dificultades, especialmente aquelas que realizaron fortes investimentos ou incorporacións recentes. Por iso reclamou medidas urxentes, como moratorias nos plans de amortización e apoio público fronte ao incremento dos custos.
Desde Unións Agrarias tamén se mantiveron reunións coas principais cadeas de distribución para defender a prioridade do leite de orixe española nos lineais e evitar a entrada de produto envasado do exterior. De feito, García participaba hoxe nunha xuntanza con membros da Asociación Española de Distribuidores, Autoservicios y Supermercados «ASEDAS«.
«Eu creo que, no fondo, todos, incluído algunhas industrias, son conscientes que isto que acaban de facer non ten cobertura legal, non ten explicación racional e que no mercado vaise volver contra eles» manifestou. “O futuro pasa por contratos estables e por garantir viabilidade ás granxas”, resumiu García.


