A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, reiterou en Radio Xallas o rexeitamento da organización ao acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, ao considerar que o sector primario volve ser utilizado como “moeda de cambio”.
Rodríguez mostrouse especialmente crítica coas chamadas cláusulas de salvagarda propostas para limitar posibles efectos negativos e asegurou que “non ofrecen garantía ningunha”. Ao seu xuízo, esas condicións deberon formar parte do texto inicial do acordo e non incorporarse posteriormente.
A responsable agraria advertiu de que os mecanismos europeos de control chegan tarde en moitos casos. Explicou que cando se detecta unha irregularidade, se tramitan denuncias e se activan inspeccións, os produtos xa entraron no mercado e xa foron comercializados.
Desde Agromuralla tamén reclaman igualdade de condicións produtivas entre Europa e os países exportadores. Segundo sinalou Noelia Rodríguez, non se pode competir con importacións sometidas a esixencias distintas ás que soportan os produtores europeos.
A presidenta da organización foi especialmente dura ao valorar a tramitación política do acordo, cualificándoa de falta de respecto institucional. Na súa opinión, existen intereses alleos ao sector agrario que están pesando máis que a defensa dos produtores.
Agromuralla pide ás administracións europeas e estatais que protexan o campo galego e garantan reciprocidade real antes de avanzar na aplicación do tratado.

