A presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, advertiu en Radio Xallas do momento delicado que atravesa o sector lácteo galego tras a recente renovación dos contratos coas industrias. A responsable da organización definiu a situación cunha comparación clara: “O semáforo está en ámbar tirando cara ao vermello”.
Rodríguez criticou que os novos contratos chegaron acompañados de “baixadas tremendas” nos prezos e asegurou que moitas industrias rexeitaron modificar as propostas presentadas antes da sinatura. Segundo explicou, isto deixa aos produtores nun escenario complicado ata a próxima revisión. «Que non olviden que o leite témolo nós» apuntou.
Entrevista en Radio Xallas
Peche de granxas en Galicia
Desde Agromuralla consideran que a subida continuada dos custos de produción e a incerteza internacional agravan aínda máis a situación das explotacións. “A medida que pasen as semanas vai ir sendo peor”, sinalou.
A presidenta da entidade alertou tamén do peche progresivo de granxas en Galicia. “Se ata agora pechaba unha granxa de leite por día, iso vai ir subindo”, afirmou, engadindo que xa hai gandeiros realizando xestións para vender animais e abandonar a actividade.
Noelia Rodríguez pediu ás industrias lácteas que reconsideren a súa postura e que negocien cos produtores “con educación e respecto”. Tamén cuestionou o discurso empresarial sobre perdas económicas e asegurou que estarán pendentes dos datos oficiais que se publiquen nos próximos meses.
Agromuralla insiste en que o leite galego é estratéxico e reclama medidas que garantan prezos xustos e estabilidade para as explotacións.

