Veciños e profesionais do sector primario están chamados a participar nunha concentración convocada para o vindeiro luns ás 12:30 horas na rotonda do Pino de Val, no municipio de Mazaricos, co obxectivo de visibilizar a preocupación existente pola situación do sector lácteo.
A mobilización xorde nun contexto marcado pola renovación dos contratos do leite, que, segundo denuncian, inclúen baixadas significativas nos prezos percibidos polos gandeiros. Esta situación coincide cun incremento dos custos de produción, o que está a dificultar a viabilidade económica de moitas explotacións.
No comunicado difundido para promover a convocatoria, faise un chamamento á participación da veciñanza e de todas as persoas vinculadas ao sector, incidindo na importancia de amosar apoio ao traballo do sector primario. “Non é de ningún partido, é na defensa do traballo da xente que se dedica ao sector primario”, sinalan os promotores.
A importancia do sector lácteo en Mazaricos
Os organizadores tamén alertan de que a situación podería agravarse a curto prazo coa chegada de novos contratos. “Trátase dunha loita que vai para largo, dado que en pouco tempo virán novos contratos que poden ser peores”, indican, advertindo do impacto que esta evolución podería ter nun concello como Mazaricos, cunha forte dependencia da actividade gandeira.
A convocatoria prodúcese nun momento no que o sector lácteo galego leva meses trasladando a súa preocupación pola evolución dos prezos e a falta de medidas que compensen o aumento dos custos. Neste contexto, a concentración pretende servir como punto de encontro e reivindicación para dar visibilidade á problemática.
Os promotores fan fincapé na necesidade de sumar apoio social á mobilización, ao considerar que a presión colectiva pode contribuír a que se adopten medidas que melloren a situación do sector.
A concentración terá lugar o luns ás 12:30 horas no Pino de Val, nunha cita aberta á participación de toda a cidadanía.

