O presidente da Federación Galega de Pesca, Manuel Mouzo Méndez, fixo balance do inicio da tempada fluvial en Galicia, marcada pola ilusión dos pescadores e pola preocupación pola situación do salmón, durante unha entrevista radiofónica en Radio Xallas na que tamén abordou o estado dos ríos, o papel do rural e o relevo xeracional no deporte da pesca.
Entrevista en Radio Xallas
Segundo explicou, o arranque da campaña segue un patrón habitual, cunha combinación de satisfacción e expectativas entre os afeccionados dependendo das zonas e das condicións dos ríos. “A mesma ilusión para todos, os resultados, dependendo da zona e dependendo tamén da habilidade do pescador”, sinalou ao valorar as primeiras xornadas da tempada.
«Non é só capturar troitas»
Mouzo incidiu en que a pesca vai máis alá da captura de peixes e forma parte dunha experiencia social ligada ao medio natural. “Non é só capturar troitas, é o feito de estar no río, volver a atoparnos con persoas que coñecemos de moitos anos”, afirmou, subliñando que para moitos pescadores o importante é compartir a xornada no río.
A postura «valente» da conselleria de Medio Ambiente
Un dos asuntos centrais foi a situación do salmón, cuxas capturas nos últimos anos cualificou de moi negativas. “As capturas dos últimos anos foi desastrosa”, indicou, ao tempo que considerou necesaria a decisión de establecer a veda. “Aquí temos a sorte de que a nosa administración foi valente”, afirmou en referencia á decisión adoptada pola Xunta de Galicia para protexer a especie.
Neste contexto, criticou a situación que se produce no río Eo, compartido con Asturias, onde a normativa non é a mesma a ambos lados da fronteira administrativa. Segundo explicou, mentres en Galicia a pesca do salmón está prohibida pola veda, no lado asturiano mantense autorizada, algo que considera incoherente. “Creo que aí a administración asturiana foi moi desleal”, apuntou.
Recoñecemento os gandeiros
Durante a conversa tamén defendeu o papel do sector primario no territorio rural e rexeitou que se responsabilice á agricultura ou á gandería de maneira xeral polos problemas ambientais nos ríos. “Grazas aos nosos gandeiros e aos nosos agricultores temos actividade económica no rural”, afirmou.
«Se por algunha cousa ou porque se nalgún momento hai alguén que ten probas de que pode haber un que non cumpre a lei pois que acuda onde ten que acudir, que faga os trámites pertinentes, pero non se pode demonizar a todo un colectivo por un caso puntual» engadiu o responsable federativo insistindo no seu recoñecemento o sector agrogandeiro: «“Debemoslle máis nós a eles do que eles nos deben a nós.”
Mouzo destacou ademais a importancia das iniciativas de promoción da pesca entre a mocidade, como as escolas de río impulsadas coa colaboración da administración autonómica. Lembrou o papel que tivo no seu impulso a actual delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo, sendo Directora Xeral de Patrimonio Natural. A presencia do campión mundial David Arcay nas escolas de río está a ser un auténtico reclamo.
Segundo explicou, estas actividades permitiron incrementar progresivamente o interese de nenos e mozas pola pesca deportiva. “Empezamos a notalo moi pouquiño a pouco”, indicou, sinalando que cada vez hai máis rapaces e tamén máis mulleres interesadas en achegarse aos ríos e participar neste deporte.

