A asociación Agromuralla, pediu ás industrias lácteas que repercutan no prezo do leite en orixe a forte suba dos custos de produción derivada do conflito en Irán. A entidade advirte de que unha baixada de prezos na renovación dos contratos, que vencen o 31 de marzo, sería “temeraria” e podería provocar unha caída da produción.
A presidenta, Noelia Rodríguez, explicou que desde o inicio dos ataques en Oriente Medio “o gasóleo agrícola disparouse, superando os 1,5 euros por litro”, coincidindo co inicio da campaña agrícola. Tamén aumentaron os prezos dos fertilizantes, xa encarecidos polo Mecanismo de Axuste de Carbono en Fronteira da UE, e agora afectados pola incerteza no subministro. Agromuralla alerta de que isto compromete a colleita de herba e millo deste ano.

«Non está permitido legalmente traballar a perdas»
A entidade cifra nun 20% o incremento inmediato dos custos, similar ao rexistrado en 2022 coa guerra en Ucraína. Por iso, considera inasumibles as ofertas iniciais dalgunhas industrias, que propoñen baixadas de até 9 céntimos por litro. Rodríguez lembra que “non está permitido legalmente traballar a perdas”.
Agromuralla avisa de que unha redución de prezos provocaría o peche de explotacións e unha diminución do subministro de leite. Ademais, alerta do avance da Dermatose Nodular Contaxiosa desde Cataluña cara á cornixa cantábrica, o que supón un risco engadido para o sector.
A asociación reclama á conselleira do Medio Rural, María José Gómez, un posicionamento claro en defensa do sector produtor.

