O dirixente de Unións Agrarias, Óscar Pose, defendeu en Radio Xallas a proposta do sindicato ante a posible obrigatoriedade de indicar na PAC o DNI das persoas propietarias das fincas, unha medida que —ao seu xuízo— podería provocar unha perda de superficie declarada.
Pose deixou claro que a posición da organización non pasa por penalizar, senón por incentivar: “Non é o efecto que estamos propoñendo, é o contrario”. Segundo explicou, a alternativa que formulan consiste en “bonificar aqueles que ceden a terra para que esa finca se inclúa na PAC”.
Incentivar a cesión de terras
O responsable sindical insistiu en que a clave está en “darlle a volta” ao enfoque actual. “En lugar de penalizar ou de buscar escusas, fomentar que a xente que ten terras, sexan xubilados ou estean fóra, teña un beneficio porque esas fincas se poñen na PAC”, sinalou. Ao seu entender, esta fórmula incentivaría que persoas propietarias que non traballan directamente as parcelas faciliten o seu uso por parte de produtores en activo.
Na entrevista subliñou que esta medida permitiría que “un produtor, un gandeiro, un agricultor, puxera as súas fincas dentro da PAC”, reforzando así a superficie admisible e evitando que se reduza a base territorial das explotacións.
Óscar Pose tamén advertiu de que esta cuestión engádese aos problemas xa rexistrados nos últimos anos. Taménb confirmou que trasladaron as demandas diante das instancias oportunas,
Dereitos históricos da PAC
Sobre a cuestión das terras declaradas, recalcou que os produtores “temos uns dereitos históricos da PAC” e que as axudas non dependen directamente da titularidade da terra. “Eu non cobro esa PAC pola finca que poño na PAC. Eu cobro polos dereitos que teño”, afirmou, engadindo que o requisito é dispoñer dun número mínimo de hectáreas equivalente aos dereitos asignados, independentemente de que se trate dunha parcela ou doutra.
Desde Unións Agrarias consideran que introducir a obrigatoriedade de indicar o DNI das persoas propietarias sen medidas compensatorias podería desincentivar a cesión de terras e, en consecuencia, reducir a superficie declarada polas explotacións galegas.

