O Concello de Mazaricos recolleu ao longo de 2025 un total de 227.580 quilos de plásticos agrícolas, un 15% máis que no exercicio anterior, segundo os datos feitos públicos polo goberno local.
O servizo municipal, totalmente gratuíto, está dirixido ás explotacións do municipio e céntrase na retirada de residuos procedentes da actividade agraria, como os empregados en silos e ensilados, tubaxes de rego, acolchados ou outros materiais plásticos de uso habitual nas granxas.
Segundo o Concello, a recollida e o tratamento posterior destes residuos contribúe a evitar prácticas de eliminación inadecuadas e reduce o impacto ambiental no territorio, ao impedir que estes materiais acaben abandonados ou se queimen de forma irregular.
A administración local subliña tamén que o servizo ten unha vertente económica para o sector, xa que permite ás explotacións cumprir coa normativa ambiental vinculada á Política Agraria Común (PAC). O correcto manexo dos residuos é un requisito para acceder ás axudas europeas e, ao mesmo tempo, unha medida que axuda a evitar posibles sancións derivadas do incumprimento.
A recollida realízase directamente nas propias explotacións ou nos puntos habilitados, previa solicitude nas oficinas municipais ou no teléfono 981 867 104. Unha vez recollidos, os plásticos son trasladados a un xestor autorizado, encargado do seu tratamento e reciclaxe.
Fontes municipais destacaron que o incremento do 15% “reflicte unha maior concienciación do sector” e a consolidación dun servizo que, segundo indican, combina a protección ambiental coa mellora da xestión diaria nas explotacións.

