Seis becerros morreron no último ataque nesta zona da parroquia de Carnés en Vimianzo.
A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Montecelos vén de facer pública a súa preocupación polos reiterados ataques de lobos ao gando na zona, que están a provocar importantes perdas económicas para as explotacións locais.
Segundo este testemuño nos últimos incidentes rexistrados, a manada matou seis becerros de vacas vienesas, dos cales só foi posible localizar os restos de dous, debido ás condicións do terreo e á dispersión provocada polos propios ataques.
Diante desta situación, a Comunidade reclama á Xunta de Galicia medidas inmediatas e efectivas de control da manada, así como a ampliación do prazo para comunicar as baixas por ataques, de forma que se axuste á realidade do monte e da gandaría extensiva.
Piden unha batida controlada
Desde Montecelos consideran “insostible que a protección da fauna salvaxe se faga a costa do abandono do gando e da ruína das explotacións”, e demandan una actuación decidida por parte da Administración.
Neste contexto, esixen que se valore urxentemente a autorización dunha batida controlada, como medida proporcional ante a reiteración dos ataques, a magnitude das perdas e a falta de respostas eficaces ata o momento.
A Comunidade advirte que non se pode seguir trasladando toda a responsabilidade ás persoas gandeiras e reitera a necesidade de solucións reais, inmediatas e adaptadas ao territorio.


