A gandeira xalleira María Ramos Castro, candidata ao Premio Muller Rural de Galicia 2026
A veciña de Santa Comba María Ramos Castro, gandeira da parroquia de Alón, figura entre as candidatas aos Premios Muller Rural de Galicia 2026, na categoría de Labrega, Gandeira ou Profesional do Campo.
O Concello de Santa Comba fixo público o seu apoio á xalleira, destacando o seu traballo e a súa representación do papel das mulleres no rural. Segundo trasladou o consistorio, María Ramos Castro simboliza “o traballo diario das mulleres do noso rural” e contribúe á posta en valor do sector gandeiro na Terra de Xallas. Esta muller desenvolve o seu traballo en SAT Os Agros.
Os premios entregaranse no marco do Congreso da Muller Rural, que se celebrará entre o 20 e o 22 de febreiro na localidade ourensá de San Xoán de Río.
A elección da gañadora inclúe un proceso de votación aberta, que permanecerá dispoñible ata o 15 de febreiro.
Podes votar na web https://congresodelamujerrural.es/premios-ganadera


