As granxas galegas de leite están a recibir nestes días propostas de renovación de contratos que contemplan rebaixas significativas no prezo do litro, segundo coinciden Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e Agromuralla. As ofertas das industrias varían entre 3 e 9 céntimos por litro, cifras que, de aplicarse, supoñerían perdas anuais de entre 125 e 275 millóns de euros para o sector en Galicia.
Unións Agrarias alerta de que estas baixadas non teñen en conta os custos reais de produción e poden poñer en risco ás explotacións máis pequenas, aumentando o risco de peches. A organización critica que ningunha industria se desmarque das rebaixas e anuncia que pedirá a intervención da Xunta, do Ministerio, da AICA e da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia.
“Estamos ante un fraude de lei, porque están lanzando ofertas imposibles de consolidar e están a facer que a obriga legal de enviar esas ofertas con dous meses de antelación se convirta nun instrumento para modificar as dinámicas do sector» apuntan desde UUAA.
Convocatoria do Observatorio Lácteo
O Sindicato Labrego Galego sinala que estas condicións poden resultar ruinosas para miles de explotacións, nun contexto no que Galicia xa se sitúa como a comunidade con menor prezo en orixe do Estado, cunha media de 0,527 euros por litro a finais de 2025. O SLG reclama unha intervención urxente da Consellería do Medio Rural e a convocatoria inmediata do Observatorio do Sector Lácteo Galego, ademais de anunciar reunións con varias industrias.
“Non hai razóns que xustifiquen isto”
Pola súa banda, a presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, confirma que as propostas iniciais inclúen baixadas de ata 9 céntimos por litro, sen que exista unha razón xustificada. Rodríguez subliña a redución tanto da produción como do número de explotacións en Galicia e pregunta “onde se vai buscar o leite no futuro” se continúa esta tendencia.
As organizacións coinciden en que o contexto económico e produtivo non xustifica estas ofertas e que, de aplicarse, poderían agravar a diminución de granxas no territorio, xa de por si preocupante.


