10.9 C
Santa Comba
jueves, febrero 12, 2026

Unións Agrarias reclama garantías para o sector agrario galego

O acordo comercial entre a Unión Europea e os países do Mercosur segue xerando debate no sector agrario. Unións Agrarias aposta por unha análise baseada nos datos coñecidos e no impacto real por sectores, segundo explicou en Radio Xallas, Óscar Pose, dirixente do sindicato.

O acordo entre a Unión Europea e os países do Mercosur xerou preocupación en parte do sector agrario, aínda que Unións Agrarias non mantén unha oposición frontal ao tratado. Así o afirmou Óscar Pose, dirixente do sindicato, quen lembrou que se trata dun proceso “que vén de moi atrás” e que nos últimos anos se acelerou.

Un enfoque sen oposición frontal ao acordo

Pose sinalou que a organización reclama condicións que permitan a convivencia cos produtores europeos. “O importante é que se poida convivir e que non afecte aos nosos produtos”, afirmou.

Segundo explicou, o sector lácteo galego non sería dos máis afectados polo tratado. “Non existe un excedente lácteo no Mercosur; incluso pode haber oportunidades para determinados produtos, como os queixos”, indicou. Pola contra, recoñeceu maior incerteza noutros ámbitos, especialmente no sector cárnico.

Importacións limitadas e cláusulas de salvagarda

Neste sentido, destacou que as importacións estarán reguladas. “As cantidades están tasadas; non pode entrar toda a carne que queira Mercosur”, precisou, indicando que no caso do vacún o máximo sería arredor do “1,5 % da produción anual da Unión Europea”.

Unións Agrarias considera clave a aplicación das cláusulas de salvagarda para evitar distorsións no mercado. Pose subliñou que estas medidas permitirían frear as importacións “cando haxa unha baixada do 5 % nos prezos”, co obxectivo de protexer aos produtores europeos.

«Non é certo que vaia a entrar alimento sen control»

O dirixente sindical fixo fincapé na necesidade de manter os controis en fronteira. “Non vale calquera produto; ten que cumprirse a normativa europea”, asegurou, lembrando que os estándares sanitarios da UE non se verían modificados polo acordo. “Non é certo que vaia entrar alimento sen control”, engadiu.

Sobre a decisión do sindicato de non convocar mobilizacións, Pose explicou que responde á posición dos seus afiliados tras analizar a situación con informes técnicos. “Non nos acollemos á demagoxia; tomamos decisións cos datos enriba da mesa”, afirmou.

Para Unións Agrarias, o acordo é xa unha realidade e o traballo debe centrarse na súa aplicación. “Isto está aí, si ou si, e toca ser realistas”, concluíu Pose.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!


Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,250SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos