A asociación Elas Eles xurdiu como resposta ao malestar crecente no sector gandeiro galego. Así o explicou o seu presidente, Adrián Riádigos, nunha entrevista en Radio Xallas, na que sinalou que o colectivo naceu «polo enfado coa pasividade que hai no sector» e coa vontade de sumar forzas máis alá das siglas sindicais.
Segundo indicou, na asociación conviven persoas vinculadas a diferentes organizacións agrarias, co obxectivo de actuar de maneira conxunta: «No sector do gando movémonos polos mesmos intereses, que é a calidade. Non hai outro interese». Riádigos subliñou que Eles Elas pretende superar dinámicas de división interna que, ao seu xuízo, debilitan a capacidade de resposta do sector.
Entrevista en Radio Xallas a Adrián Riádigos
Mercosur e a competencia desleal
Un dos eixos centrais da entrevista foi a preocupación polo acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur. O presidente de Elas Eles advertiu dunha «opacidade ao sector» e afirmou que existe un descoñecemento xeralizado sobre as condicións reais do tratado. «Todo o mundo sabe do contrato de Mercosur, pero ninguén sabe as pros dun lado nin as contras do outro», asegurou.
Riádigos alertou de que o acordo suporía unha competencia desleal para Galicia, ao permitir a entrada de produtos elaborados baixo estándares sanitarios e ambientais distintos aos europeos. «Estamos vendo que produtos que aquí xa se prohibiron van volver entrar pola porta de atrás», afirmou, engadindo que o consumidor «ten que saber que ese produto vai entrar pola porta de atrás».
Na entrevista tamén se referiu ás diferenzas en custos laborais, controis sanitarios e esixencias ambientais, que —segundo explicou— recaen con maior dureza sobre as explotacións galegas. Neste contexto, criticou que se incremente a burocracia no ámbito europeo mentres se facilitan importacións procedentes de países con menores requisitos.
«A conselleira de Medio Rural non nós quere recibir»
Outro dos puntos abordados foi a falta de transparencia da administración autonómica. Riádigos afirmou que a asociación recorreu á Valedora do Pobo ante a ausencia de respostas claras por parte da Xunta: «Respóndennos con papel moi burocrático, moi elegante, pero non conciso, que é o que precisamos». Afirman que pediron infructuosamente unha xuntanza coa conselleiro de Medio Rural, María José Gómez pero «non nós quere recibir».
Ademais, expresou preocupación pola posible redución das axudas da PAC e polas políticas relacionadas coas zonas vulnerables, as plantas de biogás e o uso de determinados residuos no solo agrícola, cuestións que, segundo indicou, poden limitar a produción e afectar á calidade dos alimentos.
«Queremos producir con calidade»
No plano mobilizador, o presidente de Elas Eles anunciou protestas e explicou que o sector está disposto a saír á rúa para defender o seu modelo produtivo. «Non saímos porque o gandeiro queira cobrar máis, senón porque exiximos que nos deixen producir con calidade», afirmou.
Riádigos amosouse convencido de que o sector gandeiro galego reaccionará se a situación non cambia e defendeu a necesidade de preservar un modelo baseado na calidade e na produción sostible. «O produto galego ten nome, ten apelidos e ten calidade, e iso hai que defendelo», concluíu.


