Máis de dez mil agricultores e gandeiros de toda Europa, pertencentes a arredor de corenta organizacións agrarias, mobilizáronse este xoves en Bruxelas para reclamar unha Política Agraria Común forte, común e ben financiada máis alá do ano 2027.
A protesta, convocada pola organización europea Copa-Cogeca, contou coa participación de arredor de cincocentos produtores españois e coincidiu coa reunión dos xefes de Estado e de Goberno da Unión Europea e coa inminente viaxe da presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, a Brasil, onde está prevista a sinatura do acordo comercial con Mercosur.
O sector agrario advirte do risco de recortes no orzamento da PAC, denuncia o exceso de burocracia e rexeita acordos comerciais que consideran lesivos para os produtores europeos, ao non garantir as mesmas condicións de produción nin os mesmos estándares sanitarios e ambientais.

Na mobilización estivo presente Unións Agrarias-UPA. O seu secretario xeral, Roberto García alertou de que un recorte de ata o vinte e cinco por cento no orzamento da PAC podería ter un impacto moi negativo en Galicia, poñendo en risco axudas agroambientais, investimentos en modernización de explotacións, a incorporación de xente nova ao campo e o apoio ás zonas con limitacións naturais.
Tamén participou ASAGA. O seu presidente, Francisco Bello, advertiu de que unha PAC menos competitiva e acordos como o de Mercosur poden comprometer a soberanía alimentaria europea e provocar o peche de miles de explotacións agrarias e gandeiras, especialmente no rural galego.
O Sindicato Labrego Galego rexeita o acordo entre a Unión Europea e Mercosur e reclama unha PAC forte, con orzamento suficiente, e unha regulación do mercado que garanta unha agricultura sostible e prezos xustos.
As organizacións agrarias insisten en que seguirán mobilizándose ata que a Unión Europea garanta un apoio real ao sector produtor e unha política agraria que permita vivir dignamente do campo.

