A nova presidenta de Agromuralla, Noelia Rodríguez, salientou en Radio Xallas que a súa elección supón “un orgullo e unha gran responsabilidade”, aínda que o funcionamento interno da entidade continuará baseado no traballo colectivo. “Sempre funcionamos como un equipo”, recordou, convencida de que o relevo “non muda a esencia da asociación”
Rodríguez fixo memoria dos inicios da entidade no 2015, cando a mobilización de 200 tractores arredor da Muralla de Lugo marcou “un fito para o sector”. Aquel movemento, afirmou, demostrou que a unión sigue a ser unha das fortalezas da gandería galega.
Estado actual do sector: produción alta, granxas en retroceso
Preguntada pola aparente contradición entre o liderado galego na produción láctea e a caída do número de explotacións, Rodríguez foi clara: “A nosa visión é a do esforzo do día a día”. Lembrou que Agromuralla está composta por produtores reais —“produtores de campo, de granxa, non produtores de oficina”— que sofren o peso crecente da burocracia e das esixencias administrativas
Alerta tamén de que a redución de granxas é un síntoma evidente do desánimo: “Cada vez máis exixencias, cada vez máis burocratización… a xente está desanimada a manterse no campo”. Sobre os prezos do leite en Galicia, sinalou que historicamente estiveron por baixo doutras comunidades, algo que non debería normalizarse.
Burocracia e control sanitario: “Duplican e triplican tarefas”
A presidenta de Agromuralla incidiu na saturación burocrática. “Nas granxas xa temos veterinarios de todo tipo… para que necesitamos incorporar unha nova figura?”, cuestionou en referencia ao veterinario de explotación. Engadiu que moitas esixencias son repetitivas e non teñen en conta o traballo xa realizado nas explotacións, como o control de solos ou os rexistros obrigatorios

O valor dos produtos do sector primario
Coincidindo co décimo aniversario da entidade, Agromuralla organizou unha mesa redonda para combater falsas crenzas sobre o leite e a carne. Rodríguez puxo o foco na seguridade alimentaria: “Nunca tivemos un maior control dos animais e do alimento que temos a día de hoxe”. E reivindicou o consumo de produtos frescos fronte aos ultraprocesados, lembrando que Galicia ten “a sorte de ter alimentos saudables a un paso das casas”
Preocupación pola dermatose nodular e a peste porcina
Sobre a dermatose nodular, Rodríguez advertiu de que as administracións non sempre pegan o oído á realidade das granxas: “Con quen se sentan para deseñar os protocolos?”. Valorou positivamente que Galicia non teña casos, pero chamou á prudencia ante a alta contagiosidade.
Tamén se referiu á peste porcina africana e á necesidade de actuar sobre a fauna salvaxe: “Se para unha vaca positiva sacrifican toda a granxa, por que non se aplican medidas similares ao xabaril?”
PAC e futuro do medio rural
Rodríguez non agochou a incerteza respecto á nova PAC: “A verdade é que non moi claro”. Defendeu que as explotacións deben ser rendibles polo seu propio traballo: “Que nos paguen os produtos polo que realmente valen e que se garden o diñeiro das subvencións”, afirmou. Considera que as políticas actuais “nos levan a depender da axuda pública” e que a burocracia seguirá en aumento.

