O presidente da Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), Paco Bello, alertou nunha entrevista en Radio Xallas das consecuencias que pode ter o novo marco financeiro da Política Agraria Común (PAC) 2028-2034 para o sector primario europeo. Segundo advertiu, a proposta presentada pola Comisión Europea supón un novo recorte “que, coma sempre, afecta aos máis febles”.
“A pesar de que se enchen a boca dicindo que somos esenciais, cada vez hai menos fondos e máis complicacións”, denunciou. Bello lembrou que ASAGA xa estaba mobilizada en Bruxelas o mesmo día en que Ursula von der Leyen anunciou as liñas do novo marco financeiro, conscientes de que “Europa tira dos máis débiles cando ten necesidades orzamentarias”.
Entrevista a Paco Bello- Desde minuto 60- Radio Xallas
O presidente da organización agraria considera “especialmente preocupante” o feito de que parte dos fondos da PAC se inclúan agora nun “saco común con outras políticas como inmigración ou pesca, o que dilúe aínda máis o peso da agricultura”. Ademais, subliñou que a proposta da Comisión deixa en mans dos estados membros unha parte importante da financiación, o que pode acentuar as desigualdades territoriais.
“Habrá países que poidan aportar máis fondos propios, e iso fará que sexan máis competitivos. E nós, en Galicia, xa sabemos o que pasa cando outras comunidades teñen máis peso político: acabamos sendo os máis prexudicados”, lamentou.
Para Bello, a cuestión vai máis alá do sector agrario: “Está en risco a soberanía alimentaria. Está en risco a produción de alimentos sans a prezos asumibles”. Segundo advertiu, de continuar esta liña de recortes, “o consumidor terá que pagar moito máis por produtos que moi pronto deixará de coñecer”.

«Cando apretan, os gandeiros reaccionamos»
Tamén puxo o foco na capacidade de resposta do sector: “Os agricultores e gandeiros europeos xa demostramos que cando apretan, reaccionamos. E buscamos aliados, incluída a sociedade, porque esta batalla é tamén pola alimentación de todos”.
Preguntado sobre a resposta das administracións, destacou que a Xunta de Galicia mantén unha posición coordinada coas organizacións agrarias e pediu reforzar a alianza co norte de España para “crear un fronte común contra as decisións que nos prexudican”.
ASAGA espera que se suavicen os recortes propostos
Bello amosouse crítico coa incerteza que xera o feito de que parte da aplicación da PAC quede en mans dos gobernos nacionais. “Non sabemos a que goberno lle tocará aplicar estas políticas, e os pactos e vaivéns políticos poden condicionar o reparto dos fondos”, advertiu.
Con todo, sinalou que aínda quedan meses de traballo e marxe para influír. “Estamos no 2025 e isto son as primeiras escaramuzas. Esperamos que, como sempre, o recorte inicial sexa suavizado na negociación final. Pero imos loitar para que non sexa unha catástrofe”


