Isabel Vilalba denuncia o abandono do agro galego fronte ao lobo, os abusos da industria láctea e a invasión eólica
A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego advertiu en Radio Xallas da indefensión crecente do sector agrogandeiro galego ante a inacción das administracións en tres frontes principais: os ataques do lobo, os contratos abusivos no leite e a imposición de macroproxectos eólicos sen planificación.
Isabel Vilalba alertou do “caos normativo e a falta de información” que sofre o agro galego. En primeiro lugar, referiuse á problemática do lobo, cuxa situación está a provocar “situacións insostibles” para os gandeiros. “Incluíuse o lobo no listado de especies protexidas sen ter en conta o impacto real sobre as explotacións”, afirmou. E criticou que non haxa medidas preventivas eficaces nin compensacións axeitadas.
Despois das medidas anunciadas pola Xunta e paralizadas cautelarmente pola Xustiza “Volve a estar todo no limbo de que se pode facer, que non se pode facer, pero a realidade, é que en moitas comarcas hai perdas moi importantes polos ataques do lobo».
Tamén denunciou a «criminalización» dos gandeiros e agricultores que son os que manteñen e fomentan o equilibrio do territorio.
Falta de ferramentas para o sector lácteo
No que atinxe ao sector lácteo, Vilalba describiu un panorama marcado pola indefensión fronte ás industrias. Denunciou que as empresas “chegan ás granxas con ofertas iniciais moi baixas que non son aceptables, pero que funcionan como chantaxe para forzar contratos curtos e desfavorables”.
Advertiu que moitos produtores vense obrigados a aceptar condicións que non cobren os custos de produción, mentres os prezos seguen fixados unilateralmente polas empresas. “Non hai ferramentas que garantan estabilidade nin rendibilidade para quen produce”, lamentou.
Ocupación do territorio sen contar coas comunidades locais
En terceiro lugar, abordou a expansión eólica no rural, que cualificou de “descontrolada e sen diálogo co territorio”. O Sindicato Labrego Galego critica que se estean promovendo proxectos de xeración eléctrica en zonas agrarias e naturais “sen planificación seria nin contrapartidas para a veciñanza”.
Isabel Vilalba subliñou que estas instalacións están a beneficiar principalmente a grandes empresas, sen que haxa retorno nin garantías de conservación ambiental. “Non se pode seguir ocupando o territorio de forma unilateral, sen contar coas comunidades que o manteñen vivo”, advertiu.
A secretaria xeral concluíu reclamando unha política pública coherente, con planificación, transparencia e respecto para o rural galego: “Non é asumible seguir cargando ao agro con normativas cambiantes, presións industriais e proxectos impostos, mentres se ignoran os dereitos e necesidades das persoas que viven e traballan no territorio”.