A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acordou a suspensión cautelar das autorizacións administrativas concedidas ao parque eólico Patiñeiro, proxectado nos montes de Treos, no concello de Vimianzo. A resolución responde á existencia de indicios de que o proxecto podería causar un dano significativo a valores ambientais sensibles.
Segundo recolle o auto, o tribunal aprecia a “presenza de valores ambientais que quedan expostos polas obras a un dano significativo”, en base a informes técnicos “rigurosos e imparciais” achegados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica na Declaración de Impacto Ambiental. Estes documentos advirten da posible afectación a especies vulnerables ou en perigo de extinción, así como doutros elementos sensibles do ecosistema.
Os maxistrados fundamentan a medida cautelar no principio de precaución. A Sala estima que “ante a simple hipótese de que ese dano poida ser de difícil ou imposible reparación –algo que non é posible demostrar cunha proba plena ata que o dano está producido–”, resulta necesario evitar actuacións que poidan volver ineficaz unha eventual sentenza estimatoria no futuro.
O auto sinala tamén que a execución das obras, “pola súa propia natureza e a interacción coa contorna”, comporta un risco grave para os valores ambientais existentes na zona. Neste contexto, sublíñase que a prevalencia de intereses económicos fronte aos ambientais só é admisible de maneira excepcional, e unicamente cando estes comprometan de forma esencial a economía nacional ou produzan un dano particularmente intenso, condicións que non se dan no caso examinado.
A decisión do TSXG implica a paralización provisional do desenvolvemento do parque mentres se resolve o fondo do litixio.