Roberto García, reelixido como secretario xeral de Unións Agrarias, abordou nunha entrevista en Radio Xallas na os desafíos e as propostas clave para o futuro do rural galego, destacando a necesidade de igualar as condicións de vida co ámbito urbano e de recoñecer o papel fundamental do sector primario.
Entrevista a Roberto García en Radio Xallas– Desde minuto 60
Desafíos Fundamentais e o Papel do Rural
García sinala tres elementos imprescindibles para a continuidade das explotacións: a xestión da terra, a loita contra a criminalización do sector e a consecución dunha renda digna. A estes engade un elemento transversal: a igualdade de servizos públicos.
Subliña que «Vivir no rural ten que ser unha profesión digna no económico, pero ten que ter tamén un direito de cidadanía cando falamos da sanidade, da educación, do transporte ou das comunicacións». Argumenta que o rural xestiona o 95% do territorio e os seus habitantes non deben ser tratados como cidadáns de segunda.
Unións Agrarias busca converterse nunha organización transversal do rural, non só nun sindicato gandeiro. Recalca o papel da agricultura e a gandería na xestión do territorio e na loita contra o cambio climático, afirmando que «Os verdadeiros cortalumes naturales non son os equipos antincendios, son os cortalumes da terra traballada, da terra pastada polos animais».
Tamén avoga por combater a «criminalización permanente que fai o urbanita ou que fai o falso ecoloxista» cara aos agricultores e gandeiros, que son os verdadeiros xestores medioambientais.
«Sen produtores de leite e carne, sobran as industrias»
Para lograr unha renda digna, a relación coas industrias é crucial. García defende un cambio na confrontación e estende «a man tendida para buscar elementos de concertación, de que os contratos sexan producto da negociación e non da imposición unilateral». Advirte que, sen produtores de leite e carne, «o primeiro que sobran son as industrias». Fai un chamamento a dignificar a profesión de agricultor e a cambiar o relato pesimista, xa que «non todo é malo no medio rural».
A pesar dos problemas pendentes, García valora que os logros da organización son maiores, evidenciados polos seus máis de 14.000 afiliados e a súa presenza maioritaria en diversas asociacións do rural galego. Non obstante, recoñece que persisten retos como a pequena base territorial das explotacións e o abandono de terras.

Demandas de Unións Agrarias ás Administracións
Á Xunta de Galicia, Unións Agrarias demanda medidas para facilitar a mobilidade da terra, evitando o seu abandono e facilitando o acceso a ela para os agricultores activos. Tamén pide loitar contra a parcelación infinita e incentivar o relevo xeracional.
Ao Goberno do Estado, solicítase garantir o orzamento da Política Agraria Común (PAC), que é fundamental para moitas explotacións. Pide tamén resolver a situación fiscal dos pensionistas que non alugan as súas terras por medo a perder complementos de mínimos, e establecer bonificacións fiscais para quen traballa no rural, recoñecendo a súa labor na xestión territorial e medioambiental.
“Non pretendemos exterminar o lobo, senón convivir con él”
O secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, quixo desmontar o que considera unha «falacia instalada nos medios de comunicación» sobre a relación do sector agrogandeiro co lobo. «Parece que os gandeiros estamos desexosos de organizar batidas para cazar o lobo», declarou con ironía.
García lembrou que os profesionais do campo levan «convivindo co lobo anos e anos», e subliñou que Galicia é a comunidade onde máis medrou o número de manadas e exemplares desta especie.
Con todo, reclamou medidas eficaces cando se producen ataques reiterados da mesma manada sobre unha mesma explotación. «Temos que ter unha solución que permita afastar esa manada dese sitio», sinalou.
O líder sindical negou que se pretenda exterminar o lobo ou fomentar a súa caza indiscriminada: «Queremos convivir con el, pero esa convivencia non pode ser só a conta dos agricultores e gandeiros».
Por iso, desde Unións Agrarias esíxese o pago rápido das indemnizacións polos danos causados e a aplicación de medidas que vaian máis alá das compensacións económicas: «Non pode ser que a única resposta sexa pagar danos; hai que evitalos na medida do posible
“A Xunta desenteuse totalmente da xestión do xabaril”
No caso do xabaril, o problema é máis grave. Critica que a Xunta «se desentende totalmente da xestión» e que a solución de delegar nos cazadores non funciona, dada a explosión demográfica da especie e a súa conversión nun problema de «orde pública e de seguridade real» polo número de accidentes de tráfico.
Esixe que a Xunta «se faga a cargo da xestión e da reducción de forma substancial do número de xabarís», xa que os agricultores e gandeiros están a asumir a maior parte dos máis de 14 millóns de euros en danos.

“O monte que arde é o monte abandonado”
En canto á xestión do monte, García pide un debate sen posicións ideolóxicas. Considera que a moratoria do eucalipto resultou ineficaz, e a súa prohibición en terras agrarias e zonas de especies autóctonas xa está garantida por lei. Sinala que se perderon hectáreas de piñeiro por menor rendibilidade e enfermidades.
Pide non «criminalizar» o eucalipto, xa que «non hai especies boas ou malas, senón plantadas no sitio inadecuado», e reitera que «o monte que arde é o monte abandonado».
“A PAC non son só subvencións”
Unións Agrarias referiuse ao fraude nos carnés de produtos fitosanitarios e esixe responsabilidades económicas aos culpables. Piden á Xunta simplificar o proceso para que os afectados poidan obter os seus carnés de forma rápida e gratuíta, facilitando os cursos e exames.
Finalmente, García aclara que a PAC non son só subvencións, senón un mecanismo para que o consumidor acceda a produtos de primeira necesidade a prezos razoables e para compensar o traballo de xestión medioambiental e territorial dos agricultores.
Perspectivas do Sector Leiteiro
Para o sector lácteo, García ve un escenario a curto prazo sen grandes tensións de prezos e insta a industrias e produtores a buscar a estabilidade. As principais preocupacións son a dispoñibilidade de man de obra legal e aestabilidade no arrendamento de terra para reducir os custos de produción. As incertezas maiores residen no sector cárnico, coa exportación de animais e os acordos como o de Mercosur.

