A organización Unións Agrarias vén de renovar os seus órganos de goberno no marco do 12º Congreso Nacional, celebrado este venres en Santiago de Compostela baixo o lema “Sementando presente para alimentar o futuro”. Unha mensaxe clara a favor dun rural vivo sustentado en rendas dignas e no recoñecemento ao papel central que agricultores e gandeiros teñen no desenvolvemento do país.
No congreso, ao que asistiron cen delegados, resultou elixida a nova Comisión Executiva Nacional Galega, que contou co apoio do 94,4% dos votos. Roberto García foi reelixido como secretario xeral, acompañado por unha equipa na que figuran, entre outros, Félix Porto como vicesecretario xeral e Javier López como secretario de Organización.
O acto contou cun importante respaldo institucional, coa participación do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, entre outras autoridades.
Na súa intervención de peche, Roberto García fixo un repaso polos principais retos do sector agroalimentario galego, entre os que destacou:
A caída dos prezos en orixe,
A falta dun marco normativo competitivo,
o envellecemento da poboación agraria,
a falta de relevo xeracional,
e a necesidade de avanzar na dixitalización, a eficiencia enerxética e a xestión da fauna salvaxe.
Tamén denunciou que moitos destes problemas seguen sen abordarse con decisión e adiantou que formarán parte da axenda de traballo da nova executiva.
Finalmente, Unións Agrarias confirmou a súa participación na mobilización do próximo día 20 en Madrid, fronte á representación da Unión Europea, para reclamar unha PAC máis xusta e adaptada ás realidades do sector primario galego.