7 C
Santa Comba
martes, abril 15, 2025

UCIN pide que se informe sobre as Zonas Vulnerables a Nitratos

Silvia Gómez (Concelleira UCIN en Tordoia)

Unión de Cidadáns Independentes ten como un dos seus principais obxectivos a información e transparencia á cidadanía. É por iso que solicitamos que desde a Xunta de Galicia se informe con rigor acerca da inminente declaración de Zonas Vulnerables a Nitratos (ZVN) en Galicia.

Recentemente sóubose que nun breve prazo de tempo a Consellería do Medio Rural procederá á declaración de sete zonas vulnerables a nitratos: A Limia, Tambre (Trazo, Tordoia), Ulla (Santiso, Melide), Costa da Morte (Zas), Ferrolterra (San Sadurniño, Valdoviño, Moeche), Cecebre (Abegondo, Carral, Cerceda, Oza, Cesuras) e Umia (Cambados, Vilanova de Arousa, Meis, Ribadumia).

A declaración das devanditas zonas débese á elevada concentración de nitratos procedentes de fontes agrarias e gandeiras, que se rexistran en determinadas masas de auga. E implica que a Xunta de Galicia nun prazo máximo de dous anos ten a obrigación de establecer e poñer en práctica programas de actuación con obxecto de previr e reducir a contaminación por nitratos. Nos devanditos programas incorporaranse medidas relativas a períodos nos que non se poderán aplicar algúns tipos de fertilizantes, de capacidade e deseño dos tanques de almacenamento de xurro ou de limitación de cantidades máximas de xurro e abonos a aplicar ao terreo por hectárea.

Sumadas a estas medidas tamén aumentan as obrigacións burocráticas relativas ao caderno dixital de explotación, plan de abonado etc.

Pasar a formar parte dunha zona vulnerable é unha nova complicación engadida para os agricultores e gandeiros, os cales verán de novo aumentados os seus custos de produción, terán que realizar cambios na súa organización produtiva e deberán empregar máis horas de traballo pola maior burocracia. A todo iso ademais súmase a clara desvantaxe que se lles crea con respecto aos produtores das áreas non afectadas.

Dos datos publicados polo Ministerio de Transición Ecolóxica no mapa de localización de zonas afectadas, obsérvanse puntos de control de calidade da auga que reflicten resultados negativos desde hai moitos anos, sen que a Xunta de Galicia tomase en todo este tempo ningún tipo de medida, poñendo en perigo a saúde dos cidadáns e agravando os danos para o medio ambiente.

Agora, na data límite para cumprir coa normativa vixente fan públicas as intencións de declaración de varias áreas vulnerables causando sorpresa na maioría dos concellos afectados e impedindo así a capacidade de reacción tanto das autoridades locais como dos produtores afectados, que non dispoñen de información e datos que xustifiquen os motivos polos cales son estas e non outras as zonas afectadas.

É práctica habitual esta forma de proceder, informar a última hora, pois resultalles así moito máis fácil impoñer os seus intereses. Ante un problema tan importante desde a administración autonómica deberían ter en conta a opinión e propostas dos directamente afectados.

Silvia Gómez co máximo responsable de UCIN en Galicia, José Luis Calo

Pretende a Xunta de Galicia vendernos como solución a todos os problemas, as bondades do macroproxecto de planta de biogás que van levar a cabo Repsol, Reganosa e Naturgy en Cerceda, co apoio de Impulsa Galicia (sociedade público-privada promovida pola administración autonómica). Na devandita planta producirase biogás, bioetanol e fertilizantes orgánicos. Segundo as previsións trataranse ao ano máis de 7 millóns de toneladas de residuos infrautilizados para o seu reaproveitamento, dos cales 6 millóns de toneladas serán de excedente de xurro. O que terá un efecto ambiental no sentido que se eliminará metano dos xurros e co biogás producirase enerxía eléctrica e térmica por medios renovables, pero non se elimina o problema dos nitratos, pois o fertilizante obtido, mantén practicamente a mesma concentración de nutrientes do xurro orixinal. É dicir, o produtor agrario e gandeiro seguiría tendo as mesmas limitacións cos fertilizantes.

O RD 47/2022 o Ministerio de Transición Ecolóxica sobre protección das augas contra a contaminación difusa, obriga a que a capacidade dos tanques de xurro das explotacións situadas en zonas vulnerables sexa a suficiente para almacenar todo o xurro producido durante o período do ano no que estará prohibida a súa aplicación. En caso contrario o produtor deberá xestionar os excedentes de forma que non cause danos ao medioambiente. Feito que terá que documentar para poder demostrar ás autoridades competentes. Isto na práctica traducirase en que terán que enviar o “excedente” a un xestor de residuos.

En vista disto, á planta de biogás irán parar os “excedentes” de xurro que os gandeiros non terán capacidade de almacenar. As empresas que impulsan este proxecto obterán beneficios da produción do biogás, bioetanol e fertilizantes, pero está por ver se os produtores terán algún tipo de beneficio económico por enviar á planta os seus “excedentes” de xurro ou se terán que pagar para que outros fagan negocio. Todo isto, sen ter en conta que a maiores terán que comprar o fertilizante do que ata o de agora dispoñían directamente nas súas granxas.

Débense acordar as solucións cos afectados e estudar de maneira obxectiva as posibilidades de proxectar un modelo de pequenas plantas, adaptado a granxas ou grupos de granxas, no que a produción de biogás sexa para autoconsumo enerxético das propias explotacións e posterior venda dos posibles excedentes, obtendo con iso beneficios directos os produtores que axuden a compensar as esixencias relativas a contaminación.

Tomar medidas para protección da saúde dos cidadáns e diminución da contaminación son prioritarias pero tamén é de interese xeral facilitar aos produtores que as súas explotacións sexan viables e non se vexan obrigados a pechar. Protexendo a actividade agraria fomentamos que a poboación quede nas aldeas e con iso tamén previmos outros problemas ambientais derivados do abandono do medio rural.

O tempo mostrará os resultados e diranos se finalmente son as explotacións agrarias as que paguen toda a factura. De momento e para rematar é bo lembrar o refrán de pensa mal e acertarás.

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,150SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos