O Presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, ten boas sensacións con respecto a postura dos grupos parlamentarios de Junts, PNV e VOX para que voten a favor da emenda do PP para sacar ao lobo do LESPRE.
“Atopamos moi boa disposición en xeral, polo que probablemente poida saír adiante a iniciativa de sacar ao lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, LESPRE” asegurou Bello despois das reunións mantidas con membros de catro grupos parlamentarios: o Partido Popular, Junts per Cataluña, Partido Nacionalista Vasco e Vox.
“Tres deles o teñen claro, pero o PNV, a pesar da súa disposición favorable, aínda ten algunhas dúbidas que solventar”, explicou o líder de ASAGA ao finalizar as catro conversas ás que asistiu xunto a varios representantes de ASAJA do norte de España.
Francisco Bello, optimista
Francisco Bello salientou que “pode haber unha maioría suficiente para cambiar o estatus actual do lobo e poñer solución, nas vindeiras semanas, a unha cuestión que levamos arrastrando desde que no ano 2021, a por entón ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, incluíu ao lobo no LESPRE, sen ter base científica nin datos contrastados”.
O presidente da Asociación Agraria de Galicia, asegurou que “os grupos parlamentarios cos que nos reunimos poderán estar máis ou menos conformes ca forma xurídica escollida, pero teñen claro o seu apoio ao sector”.
ASAGA desenvolveu unha intensa actividade con negociacións na Unión Europea, no Senado e no Congreso.
“Non nos gusta que este tema esté recollido nunha lei ‘caixón desastre’ como é a Lei de Desperdicio Alimentario, pero procuramos que se poida volver á situación anterior e que cada Comunidade Autónoma asuma a súa propia xestión do lobo”, afirmou o presidente da Asociación Agraria de Galicia.