A secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Isabel Vilalba, criticou os diferenciais do prezo do leite entre Galicia e outras comunidades:
“Nós consideramos que é totalmente discriminatorio e, polo tanto, debería ser ilegal que o mesmo leite, coa mesma calidade só por ser recollido en Galicia teña penalización. Isto por lei debería ser considerado ilegal”.
Na sintonía de Radio Xallas engadiu: “Acadamos de media no Estado español prezos de 47-48 céntimos, cando a media europea está en 53-54 céntimos. Xa se falamos de Galicia, agora as industrias están pasando polas granxas con propostas que parten as veces, de prezos incluso inferiores a 40 céntimos ou 42 céntimos. O sector está totalmente desprotexido”.
Tamén referiuse as declaracións da conselleira María José Gómez despois dunha xuntanza: “A conselleira será crible cando poña enriba da mesa unhas medidas que impidan os abusos ao sector lácteo”.
Sobre os anuncios en relación ao Observatorio Lácteo Galego, Isabel Vilalba entende que “é un instrumento que teñen infrautilizado o desde hai anos, que non se reúne, aínda que teñan unhas funcións atribuídas”, polo que non ten demasiadas esperanzas na súa reactivación.
Mercosur: unha moeda de cambio
Sobre o tratado do Mercosur afirmou: “Opoñémonos totalmente a ese tipo de tratados que poñen a alimentación, como unha moeda de cambio”.
Segundo a secretaria do SLG “estamos falando dun tratado que supón un acordo con grandes potencias agrícolas, dos maiores exportadores de algún tipo de alimento, como é o caso de Brasil, que producen cunhas normas tanto de benestar como condicións laborais das persoas que traballan nestes lugares, como de uso de agro-tóxicos diferentes, máis laxas que as da Unión Europea, e pensamos que vai ser moi negativo para os sectores produtivos galegos”.
Perciben unha “ameaza importantísima” para economía da zona rural e para o consumidor “ dado que vai supor a presencia nas mesas da xente de moitos produtos, como agro-tóxicos, que hoxe están prohibidos na Unión Europea”.
De todos os xeitos “estamos nun momento que pode haber unha minoría de bloqueo, que se necesitan catro países na Unión Europea que digan non a este tratado e entón hai posibilidades de que isto se pare”.
Vilalba criticou que o goberno de España “deixa de considerar os impactos que pode ter no sector primario e intentan ser os abandeirados deste tratado comercial, tamén incluso en Europa”.