Mazaricos celebra unha nova edición da Semana Gandeira do 25 de novembro ao 1 de decembro. Un ano máis, a capital leiteira de Galicia organiza un evento que pon en valor durante sete días a potencia do seu sector gandeiro. Cómpre salientar que Mazaricos é actualmente o primeiro produtor lácteo galego, con 137 millóns de litros de leite producidos durante o 2023.
O programa de actividades dá comezo o luns 25 de novembro. Durante a semana, estas dixírense fundamentalmente á familiarización da mocidade mazaricá co sector gandeiro, a través de visitas escolares a explotacións gandeiras e industriais. Deste modo, o mércores 27 de novembro as nenas e os nenos dos colexios visitarán en Vimianzo unha fábrica de penso e a gandería Os Loureiros, unha explotación que salienta pola innovación tecnolóxica. Posteriormente, o venres 29, visitarán A Casa Grande de Xanceda, unha importante explotación e fábrica de produtos lácteos ecolóxicos no municipio de Mesía. Ademais, as nenas e nenos poderán participar nun concurso de debuxo.
Durante a fin de semana, o recinto feiral da Picota será a sede das distintas actividades que completan a programación, incluíndo a exposición agraria e de servizos durante os dous días. O sábado 30 terá lugar a Mesa Redonda Virtual “Situación e perspectivas de futuro do sector lácteo”. A partir das 12h da mañá celebrarase unha Gran Sesión Vermúuuuu con DJ Rokiño.
O mesmo sábado á tarde entregaranse os premios do concurso de postres lácteos e celebraranse obradoiros e actividades para os nenos e para todas as idades.
O domingo 1 de decembro celebrarase a tradicional Poxa de Gando Frisón “Memorial José Moreira”, onde se poxarán os mellores exemplares desta raza vacúa. Este evento conta sempre cun grande número de animais de alta calidade e salienta polos prezos que chega a acadar, xerando un gran volume de negocio.
Concursos
A Semana Gandeira de Mazaricos 2024 aposta novamente por integrar a toda a veciñanza e as persoas que queiran participar a través de concursos que dan cabida á creatividade e orixinalidade. Serán tres os concursos nesta edición: de debuxos, de fotografía gandeira e de postres lácteos.
No caso do Concurso de Fotografía, a participación xa está aberta, ata o día 25. As fotos deben enviarse directamente por whatsapp ao número 696 33 09 66. Conta con catro premios: unha cea para seis persoas (primeiro premio), unha cea para catro (segundo) e unha para dúas persoas (terceiro). Haberá outro premio do público por votación en facebook, e cuxa recompensa é unha cea para catro persoas. Son ducias as fotografías que cada ano entran a concurso.
No tocante ao Concurso de Postres Lácteos, convida a todas as persoas participantes a achegar os seus postres, especialidades onde un dos elementos principais na elaboración sexa o leite. Repartirase un primeiro premio consistente nunha cea para seis persoas, ademais dun segundo (cea para catro) e un terceiro (para dúas).
Tanto no caso do concurso de fotos como no de postres, os premios poderán trocarse por vales de compra no comercio mazaricán por un valor de 25 euros por persoa (isto é, un premio dunha cea para dúas persoas podería cambiarse por vales de compra por valor de 50 euros).
Esta nova edición da Semana Gandeira está organizada polo Concello de Mazaricos, Gandeiros de Mazaricos e Africor. Conta co patrocinio de Abanca e a colaboración da Xunta de Galicia a través da Consellería do Medio Rural e da Deputación da Coruña.
FONTE- NOTA DE PRENSA DO CONCELLO DE MAZARICOS