O Bloque Nacionalista Galego vai demandar no Parlamento de Galicia a ampliación ata o no 2030 a moratoria para novas plantacións de eucalipto na comunidade.
Lembran que esta especie pasou de ocupar 131.000 hectáreas en 1973 a máis de 413.000 hoxe en día, o 14 % do total do territorio do país.
Reforma da Lei de Recuperación de Terra Agraria
A proposta do Bloque implicaría poñer en marcha as reformas legais necesarias (modificación da Lei de Recuperación de Terra Agraria) para aumentar en cinco anos a prohibición vixente para novas plantacións desta especie, que remata a finais de 2025.
Para a portavoz de Montes e Política Forestal do BNG, Montse Valcárcel, “unha decisión deste calado debe facerse con suficiente antelación, e ten que ir acompañada doutras medidas de fomento da diversidade e da multifuncionalidade do monte”.
A deputada nacionalista sinala que outra das razóns de peso para xustificar a ampliación da moratoria é acompasala coa que rexe no veciño Estado de Portugal, outro gran produtor, con 646.000 hectáreas, que xa aplica dende 2018 unha norma que prohibe a plantación desta árbore ata o 2030.
“A realidade é que o eucalipto leva anos converténdose nun monocultivo en amplas zonas de Galiza, polas grandes plantacións e os convenios entre os propietarios do monte e empresas pasteiras, polo abandono e pola forma de expandirse naturalmente, mesmo despois dos incendios, facendo que non existan outras especies”, explica Montse Valcárcel.
Redución do eucalipto en zonas ilegais
O BNG considera así mesmo urxente a redución gradual da presenza do eucalipto en terras agrarias forestadas ilegalmente, zonas de protección de augas, zonas de protección do patrimonio cultural, zonas de protección de infraestruturas e zonas de protección de costas.
“Galiza necesita un verdadeiro uso multifuncional dos montes, unha industria forestal potente, diversificada, sostible e respectuosa coa nosa idiosincrasia, non unha baseada soamente no eucalipto” afirma a deputada nacionalista.