A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego denunciou a situación dos gandeiros: “O produtor de leite está indefenso. Seguimos como hai 30 anos, despois de tantas fotos de acordos históricos a industria páganos o que quere”.
Nunha entrevista no programa Na Encrucillada de Radio Xallas, Isabel Vilalba, criticou a inacción da Consellería de Medio Rural e criticou a inexistencia dun Foro Lácteo:
“Non hai un foro serio nin un marco de traballo estable para o sector do leite e vivimos con regras desiguais, cunha ameaza continua e coa incerteza dos prezos cada tres meses”.
Para Vilalba a Xunta de Galicia debería “poñer normas de equilibrio” para que haxa “uns prezos dignos para que a xente poida vivir do seu traballo”.
Recriminou que non se cumprira a promesa do Observatorio Lácteo e que só haxa reunión “cando hai crises” e insistiu en que Galicia “necesita un foro lácteo propio e ter unhas referencias de prezos obxectivos e non mirar só a curto prazo. Unha administración ten que sentarse coas empresas e conseguir compromisos”.
Entrevista a Isabel Vilalba (Desde o minuto 60)
Nesta entrevista tamén referiuse as modificación da PAC con “moitas cousas que son pouco claras e cambios que non son suficientes”.
Puxo como exemplo a xestión de purinas e o uso do “prato invertido” que pese os anuncios da Xunta “e dalgunha entidade agraria” o acordo “non está escrito en ningún lado”.
E falou da campaña do SLG “ Polo futuro da Tenreira Suprema e da Gandaría en Extensivo” e da iniciativa “Sementeira Feminista».


