Contramínate e Unidas Podemos denuncian este ataque contra o patrimonio natural de Laxe.
Unidas Podemos de Laxe anunciou a presentación dunha denuncia ante o SEPRONA polo arrase de máis de duascentas árbores de especies autóctonas, especialmente carballos, castiñeiros e acivros, plantadas durante cinco anos polo “Proxecto Landras”, unha iniciativa educativa en colaboración co Concello de Laxe e o CPI Cabo da Area.
Para o portavoz da formación Fernando Del Moral Regaldie estamos ante “un verdadeiro atentado contra o patrimonio natural de Laxe”.
“Tronzaron indiscriminadamente a zona”
Desde a asociación ambiental Contramínate lembran que reclamaron en “repetidas ocasións” ao concello de Laxe a necesidade de intervir nesta zona para acondicionar un espazo de lecer para os veciños.
Pero non deste xeito. Lamentan que “a limpeza realizada recentemente consistiu en eliminar o manto vexetal dun espazo natural onde as fieitas cumprían a misión de protexer a humidade do solo”.
Ademais critican a apertura de camiños “sen orde nin criterio” e que “ tronzaron indiscriminadamente a zona repoboada coas especies nomeadas, arrasando con todo ó seu paso e esnaquizando a plantación. Máis de 200 árbores foron destruídas”.
Desde Contramínate denuncian “unha intervención que ten visos de ser totalmente ilegal pola grande destrución e a forma en que foi realizada, que constitúe desde a nosa perspectiva, un verdadeiro atentado medioambiental”.