Foto- Grupo Hábitat
O plan de recuperación da píllara das dunas posibilitou o nacemento de máis de 180 exemplares desta ave limícola, segundo informou recentemente a Directora Xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, nunhas xornadas técnicas.
Programa de conservación ex situ
141 exemplares naceron en niños localizados en praias de Galicia e 41 grazas a un programa de conservación ex situ, realizado nos centros de recuperación de fauna silvestre de Oleiros e Cotobade.
O plan de recuperación desta especie inclué outras medidas como a protección de niños mediante parcelas de exclusión ou a implantación de medidas de control de depredadores. De feito, dos 90 niños que se protexeron no ano 2022 instaláronse parcelas de exclusión en 87 e nos restantes só foi necesario establecer un perímetro amplo para evitar o acceso de persoas.
Desde a Xunta apostan por realizar balizamentos temporais en áreas críticas de nidificación, especialmente na época reprodutora da especie, entre o 15 de marzo e o 15 de xullo.
Única existente no sector cantábrico-atlántico español
Do Campo reiterou o compromiso do Goberno galego de garantir a preservación desta especie e dos seus hábitats e lembrou que a poboación galega da píllara das dunas é a única existente en todo o sector cantábrico-atlántico español.
A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus ) é unha ave duns 16 cm, co dorso pardo, as patas negras e o peito e as partes inferiores de cor branca. É unha ave gregaria que frecuenta os areais.
Na época de posta teñen tres ovos que incuban os dous pais. Foi elixida ave do ano 2019 pola SEO-Birdlife.