En primeiro lugar desde a organización ecoloxista ADEGA indican que a “validez” dos datos ofrecidos pola Xunta sobre o lobo “deberá ser contrastada” co administración estatal e aplicando as mesma metodoloxías co Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Falta de transparencia da Xunta
Critican a “falta de transparencia” da Xunta e aseguran que o censo previsto no 2021 ampliouse ao 2022 “por ter deparado o primeiro censo de campo uns resultados moi negativos cun importante descenso da poboación”.
Segundo os datos de ADEGA “nestes últimos anos a evolución das mandas por provincias tería sido desigual, o que pode provocar unha distorsión interesada na información que se ofrece. Hai territorios dos que se coñecía a presenza histórica, nos que se constatou a desaparición de varias mandas, casos concretos das provincias de Pontevedra e Coruña. Se ben nalgunha comarca de Lugo teríase rexistrado algunha mellora, o que axuda a matizar a cifra do censo global, os datos non agochan os problemas de conservación que afectan a esta especie”.
Poboación de lobo estancada
A entidade ecoloxista interpreta “cautela” os datos ofrecidos pola Consellería de Medio Ambiente:” O que se anunciou foi a detección de 93 mandas, sobre as 90 estimadas no último censo publicado no 2015, uns datos tamén semellantes aos censo de 2003. Isto suporía un incremento de só 3,3%, que como estima e tendo en conta a incertidume inerente ao método, significa que as cifras son as mesmas que xa se coñecían”.
E que polo tanto “amosan unha poboación estancada, que nin diminúe nin aumenta significativamente, feito que indica de paso unha mortalidade moi elevada que non pode sustentarse só por causas naturais”.
ADEGA esíxelle ao goberno autonómico que “asuma de vez a inclusión do lobo na Listaxe de especies en réxime de protección especial e abandone a súa actitude obstrucionista”.
FOTO-ADEGA