Este domingo 4 de decembro o recinto feiral da Picota, no concello de Mazaricos, acolle a XIV Poxa de xovencas de raza frisona “Memorial José Moreira” desde as 11 da mañá, organizada polo concello, Gandeiros de Mazaricos e Africor- Coruña
Estarán representadas dez ganderías das comarcas de Xallas, Barcal, Dubra e Soneira con 24 animais incluídos no catálogo de venta.
Participan Gandería Serpe (Outeiro – Mallón) e Tendeiro (Carballal-Vilamaior) do concello de Santa Comba, Ranco (Colúns), Grille(San Cosme) e Nuveira(Arcos), de Mazaricos, Landeira(Landeira) e Marañón(San Félix de Campelo), de Negreira, Granxa Cundíns (Vilar), de Zas, Suárez (Campelo) no concello da Baña e Queirugueira (Villalba-Coucieiro) en Val do Dubra.
Na véspera do evento e coincidindo coa Semana Gandeira, visitou Mazaricos o conselleiro de Medio Rural, José González, que estivo acompañado polo director xeral de Gandaría, José Silvestre Balseiros, e polo alcalde de Mazaricos, Juan Blanco.
Durante esta visita anunciou que a Xunta de Galicia destinará o vindeiro ano 200.000 euros a unha nova convocatoria de axudas para a realización de certames de gando bovino selecto.
González recordou a posición de liderado deste concello coruñés no sector de vacún. Así, puxo en valor a existencia no territorio municipal dun censo de máis de 25.000 vacas, contabilizando tanto as de leite como as de carne. E lembrou que se trata do primeiro municipio de Galicia en produción de leite, con case 127 millóns de litros anuais, e que tamén é dos primeiros en número de explotacións leiteiras, con 177.
Por último, o conselleiro referiuse ás parcelarias, destacando que en Mazaricos hai xa dez zonas de concentración rematadas e prevese entregar no 2023 os títulos de propiedade da de Santiago de Arcos. Con estes procesos rematados, concluíu, haberá máis de 6.400 hectáreas concentradas neste concello, beneficiando uns 4.700 propietarios.