O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia decretou a paralización cautelar dos proxectos eólicos de Campelo e Bustelo, pero a decisión leva aparellada que os colectivos denunciantes (ADEGA e a PDCC) fagan efectiva unha fianza de 20.000 euros antes do 1 de novembro.
Por este motivo lanzouse a campaña de recadación solidaria»Ti podes paralos!» . Desde ADEGA apelan con urxencia á solidariedade colectiva para «pararlle os pés a Greenalia e aos abusos do actual modelo eólico da Xunta, agresivo co territorio e coas persoas».
Desde a organización ecoloxista ADEGA requírese con urxencia o apoio de colectivos, plataformas, e do conxunto da cidadanía para impedir, a través do depósito dos avais, que se inicien as obras dos tres parques eólicos de Greenalia, evitando que se produzan danos ambientais e sociais irreparables.
Xeitos de cooperar
ADEGA ofrece dúas modalidades de colaboración ou achega solidaria, a través de doazón ou préstamo. Deste xeito, calquera persoa ou entidade con personalidade xurídica poderá contribuír segundo a opción que máis lle conveña. Mentres a doazón ofrece a posibilidade de desgravar ata un 80% na declaración da renda, o préstamo solidario poderase recuperar por parte do prestamista no caso de que as sentenzas dos recursos contenciosos-administrativos presentados contra estes proxectos eólicos acaben resultando favorables.
Toda a información na web de ADEGA adega.gal ou no teléfono 981570099 e correo xestion@adega.gal
Foto-Charla de ADEGA en Santa Comba