7.4 C
Santa Comba
jueves, enero 16, 2025

O PSdeG lidera o Pacto por unha enerxía eólica sostible

PSdeG, UGT, Comisións Obreiras, Unións Agrarias, Fademur e Ventonoso asinaron o chamado  Pacto por unha enerxía eólica sostible.

Para o secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso estamos diante “dun paso histórico que marcará un novo paradigma para comprender a importancia estratéxica da enerxía en Galicia”. 

Afirmou que supón “dicir si ás enerxías renovables e a que Galicia sexa autosuficiente e poida favorecer unha redución importante dos custes enerxéticos ás industrias e ás familias”. E que “é unha aposta clara por darlle protagonismo a Galicia no que é o gran reto europeo deste século: a independencia enerxética e a capacidade xeración e de almacenamento de enerxía con emisións cero”.

Valentín González Formoso explicou que o Pacto por unha enerxía eólica sostible está sustentado por catro grandes eixos que supoñen unha serie de reformas concretas para que calquera nova autorización se basee na total transparencia, na plena integración social e na compatibilidade medioambiental.

Así, reclámase, en primeiro lugar, que todos os parques eólicos se instalen cun axeitado consenso na veciñanza. “Polo tanto”, afirmou Formoso, “enerxía eólica dunha maneira consensuada e onde a declaración de utilidade pública dun parque non sexa autorizada se non se obtén, como mínimo, o 50 por cento do acordo cos propietarios da parcelas afectadas”.

Un segundo punto importante é “que se implante con respecto absoluto ao medio ambiente e á protección patrimonial do noso país, enormemente rico nestes ámbitos”. En consecuencia, reclámanse avaliacións de impacto ambiental rigorosas e a instalación de aeroxeneradores con innovacións tecnolóxicas que reduzan o seu impacto ambiental e pegada de carbono.

Como terceiro factor, incídese en que os parques teñan sinerxías coa creación de emprego e o valor engadido. Neste eido, o secretario xeral do PSdeG demandou que  que a cadea de implantación dun parque eólico “achegue valor a un país que necesita que se implanten industrias que fixen poboación nos territorios baleirados, como as de fabricación de compoñentes”. 

Pediu, en definitiva, “que apostemos, non polos especuladores, senón por aquelas empresas promotoras que apostan polo noso país, polo noso talento, polo coñecemento da nosa xuventude, pola nosa ciencia ou pola nosa capacidade de deseño”. 

Ao mesmo tempo remarcou a importancia de que tamén se achegue valor a aqueles propietarios agrogandeiros que “ven como os parques eólicos significan xeración de enerxía e beneficio nas contas de resultados das empresas, pero que en cambio non valen para reducir os custes de produción nas granxas, maltreitas xa de por si economicamente”. 

Por último, como cuarta pata do pacto, Valentín González Formoso reivindicou que os parques teñen unha axeitada fiscalidade, primando a aquelas que queiran domiciliarse fiscalmente en Galicia. Así fixo un chamamento a “apostar polas empresas que aposten por Galicia” e que, como metáfora, “haxa un cartel en Pedrafita que diga: especuladores non”. 

Tamén cualificou de “imprescindible” a participación público-privada nas promocións de parque e instalacións enerxéticas, nun contexto no que “vemos falta de coordinación da administración coas empresas e un desacompasamento na subastas de enerxía renovable”. 

Pódeche interesar

DEJA UNA RESPUESTA

Por favor ingrese su comentario!
Por favor ingrese su nombre aquí
Captcha verification failed!
La puntuación de usuario de captcha falló. ¡por favor contáctenos!

Síguenos

7,820FansMe gusta
1,661SeguidoresSeguir
1,826SeguidoresSeguir
1,070SuscriptoresSuscribirte

Últimos artigos