Verdegaia, Ecoloxistas en Acción e a Comunidade do Monte Veciñal de Grixoa de Esternande acusan a empresa Rafaella Resources, de exercer “unha tentativa de intimidación” coa presentación dunha denuncia “por supostamente ter accedido a unha parcela que a mineira viña ocupando ilegalmente ata o mes pasado”.
Segundo explican estas entidades nun comunicado “a denuncia produciuse despois de que a Comunidade de Montes de Grixoa de Esternande, titular da parcela conforme o expediente de clasificación do monte veciñal, organizase unha intervención de plantación de carballos o pasado 19 de marzo xunto coas Brigadas Deseucaliptizadoras”.
Desde Ecoloxistas en Acción aclaran que non teñen relación coas Brigadas Deseucaliptizadoras pero a súa inclusión na denuncia “ evidencia como o obxectivo da mineira non é outro que tentar intimidar e coartar os movementos ecoloxistas e veciñais que se opoñen ás ilegalidades da mineira”.
Manifestan que esta entidade “si foi responsable pola iniciación do expediente de expulsión da mineira do edificio que viña ocupando, e por iso foi igualmente denunciada”. Fan referencia as instalacións da Casa da Mina en Varilongo- Santa Comba
Enmarcan a denuncia nos «pleitos estratéxicos contra a participación pública» que teñen a “intención de intimidar e silenciar as críticas sumindo aos adversarios en batallas xudiciais”, neste caso ante as denuncias existentes en relación coas minas de Varilongo e San Finx.